ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

Entrega de coitelas quitaneves a agrupacións de Protección Civil da provincia en Cabeza de Manzaneda

O acto contaba coa asistencia do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva

 

A Estación de Cabeza de Manzaneda era o lugar escollido para facer entrega nesta mañá de coitelas quitaneves (xunto co acoplamento para fixalas nos vehículos) a nove Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense, por parte da Xunta. En concreto tratábanse das de Viana do Bolo, O Bolo, San Xoán de Río, Parada de Sil, A Mezquita, Riós, a Mancomunidade de Terras de Celanova, A Veiga e San Cristovo de Cea (que non puido estar presente).

O acto contaba coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. “Facemos entrega de coitelas quitaneves para as agrupacións de voluntarios de Protección Civil neste caso na provincia de Ourense, que entregamos nove, e continuaremos esta semana entregando tamén en Lugo”, aseguraba.

Ademais Villanueva indicaba que “comeza a tempada de inverno, e ante a previsión de nevaradas, isto é para dar un servizo á poboación. Os voluntarios de Protección Civil están sempre para apoiar, para axudar. Neste caso temos 9 concellos que se van beneficiar desta entrega de material e dar un servizo aos veciños que, moitas veces, en situacións de invernía é complicado. Trátase de que a meteoroloxía non altere o modo de vida de todos os galegos independentemente de onde vivan. Continuaremos este ano tamén coa entrega de máis vehículos 4×4, de coitelas e esparelledores de sal co fin de cubrir todo o territorio e material de neve, sobre todo en concellos afectados por altitude e meteoroloxía adversa”.

 

 

A escolla de Cabeza de Manzaneda como lugar de entrega deste material responde a que é unha das zonas da montaña ourensá e a que boa parte das agrupacións receptoras son de concellos próximos.

Os concellos adxudicatarios destas coitelas están incluídos no Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia) que teñen unha altitude media por enriba dos 500 metros e resultan ser os mais castigados por xeadas e nevadas, o que fai moi necesario este material para manter a viabilidade nas vías de comunicación de titularidade municipal.

Fotos: Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button