EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Entrega de premios da campaña “Na procura de María Victoria Moreno” no Barco

Nesta iniciativa, que incluía unha xincana literaria polos establecementos comerciais, colaboraban os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos seis centros educativos do Barco e o CCA

A sede do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) acollía na tarde do 14 de xuño o acto de entrega de premios da campaña “Na procura de María Victoria Moreno”, que con motivo do Día das Letras Galegas poñían en marcha os seis centros educativos do Barco en colaboración coa citada asociación.

O acto contaba coa presenza de alumnos representantes de cada un dos CEIPs (Otero Pedrayo de Viloira, Condesa de Fenosa, Julio Gurriarán e do Colexio P. Divina Pastora), así como dos institutos (Martaguisela e Lauro Olmo). A encargada de entregarlles o premio (un vale de 25 euros en material escolar) era a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, quen ao principio do acto lembraba o contido desta campaña, que enchía de retratos de estilo pop art de María Victoria os escaparates de 33 comercios da vila. Todos eran elaborados polos alumnos. Cada imaxe ía acompañada de títulos de diversas obras literarias. A modo de xincana literaria, había que realizar un circuíto e averiguar que obras pertencían a María Victoria Moreno.

Os agraciados eran nesta ocasión:
– 2ºB do CEIP Condesa de Fenosa (recollido por Eiza, Antía)
– 6ºA do CEIP Julio Gurriarán (recollido por David)
– Infantil 5 anos do CEIP Otero Pedrayo (recollido por Brais e Leire)
– 6ºA e B do Divina Pastora (recollido por Alexandra)
– 1º ESO C do IES Martaguisela (recollido por Iria e Judith)
– 2º ESO D do IES Lauro Olmo (recollido por Marcos).

Ademais, ao final da entrega de premios procedíase ao sorteo para escoller ao galardoado entre as persoas que completaron o roteiro literario e depositaron o folleto na urna. O premio era un vale de 100 euros. A afortunada era Carolina Lameiro Gómez de 2º de ESO do Martaguisela.

Sandra Moldes agradecía a colaboración dos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos, así como o traballo realizado polos nenos que pintaron os lenzos e amosou a súa vontade de continuar colaborando no futuro en iniciativas coma ésta. Á súa vez, as representantes dos equipos expresaban o seu agradecemento ao apoio do CCA.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button