OurenseÚltima hora

Entrega dos premios do I Concurso de Debuxo Infantil do CIM da Mancomunidade Santa Águeda neste 8M

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, referiuse a Emilia Pardo Bazán “como unha muller brillante, preparada e pioneira no seu tempo que representa unha das primeiras voces de igualdade no noso país”

 

Na mañá deste luns 8 de marzo, no marco dos actos do Día Internacional da Muller tiña lugar a entrega do I Concurso de Debuxo Infantil do Centro da Información a Muller da Mancomunidade Santa Águeda (Ourense), por parte do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

O concurso era convocado con motivo de enxalzar a figura da muller que dá nome á mesma, e nel participaron o alumnado de Primaria e Infantil, matriculado nos colexios dos Concellos de Amoeiro, Coles, A Peroxa e Vilamarín, baixo o lema “Enchemos de Cor a Mancomunidade”.

Entre todos os traballos presentados o xurado elixiu un finalista por cada unha das modalidades (infantil, primaria con dúas categorías), que recibiron un lote de material de pintura e debuxo, libros e xogos. A contía do premio é de 50 euros para cada unha das modalidades; ademais, o alumnado das escolas infantís recibiu un diploma pola súa participación.

Diante dos alumnos premiados, Gabriel Alén, referiuse a Emilia Pardo Bazán, todo un exemplo de feminismo conciliador, “como unha muller brillante, preparada e pioneira no seu tempo, ao ser recoñecida como novelista, poetisa, xornalista, tradutora, crítica literaria, editora, catedrática universitaria, e conferenciante; pero que todo iso -sinalou Gabriel Alén- de pouco lle serviu en vida xa que non lle reportou o recoñecemento que merecía, senón máis ben o contrario: críticas, insultos machistas e discriminación ata polos seus propios compañeiros escritores, que lle negaron ata tres veces o ingreso na Real Academia Española (RAE) a pesar dos seus méritos”.

O delegado territorial, tamén lle lembrou aos escolares a importancia de mulleres como Rosalía de Castro e Concepción Arenal, que ao lado de Pardo Bazán representan “as primeiras voces de igualdade no noso país”, cuxos principios están “plenamente vixentes na actualidade”. “A causa da igualdade é de todos, e de todos os días, non só do 8 de marzo”, sentenciou.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button