OurenseÚltima hora

Entregados os premios do concurso “Sabores de Ourense”

Tapa Negra obtivo o premio dos xurados profesional e da prensa, e La Gula o do xurado popular
Os premiados na edición de outono do concurso "Sabores de Ourense".
Os premiados na edición de outono do concurso “Sabores de Ourense”.

Na mañá do 4 de decembro, tiña lugar no Museo Municipal, a entrega de premios da edición de outono 2014 do concurso de pinchos “Sabores de Ourense”, un certame que se desenvolveu na cidade das Burgas entre o 15 e o 30 de novembro, organizado pola Concellería de Turismo e a Unión de Hostaleiros de Ourense.

O concurso, que ten como finalidade achegar e dar a coñecer a riqueza gastronómica da cidade e as distintas propostas dos establecementos hostaleiros entre visitantes e veciñanza, contou coa participación de medio cento de locais de hostalería da cidade, que presentaron cadanseus pinchos a concurso (un por local).

Os gañadores foron: O Comellón por “Capricho” segundo o xurado Pincho Celíacos; Portovello por “Magosto” segundo o xurado Pincho “Come Ourense” (premio que valora o uso de materias primas frescas e de tempada, de produción integrada ou ecolóxica, ou que procedan o mercado de Abastos); e Tapa Negra por “Trisquel” segundo o Xurado da Prensa.

Con respecto ao Xurado Profesional, o primeiro premio foi para a Tapa Negra por “Trisquel”, o segundo para La Estación de Loman por “Spanish Railway”, e o terceiro para Portovello por “Magosto”.

E por último o Xurado Popular (recoñecemento que outorgan os clientes dos establecementos participantes, emitindo o seu voto a través das papeletas de votación), elixía La Gula por “Tempura de makis” como gañador, a Tapa Negra por “Trisquel” como segundo, e O Comellón por “Capricho” como terceiro.

Tal como explican dende o Concello de Ourense, en total contabilizáronse case 2.200 papeletas de votos, do que se deduce que se consumiron un mínimo de 6.600 pinchos.

Artigos relacionados

Back to top button