OurenseÚltima hora

Entréganse as chaves das dúas vivendas de promoción pública adxudicadas en Ourense

As residencias están no edificio número un da rúa Vilar, en pleno casco histórico da cidade

 

Na mañá deste 9 de xaneiro tiña lugar en Ourense o acto de entrega de chaves aos adxudicatarios de dúas vivendas de promoción pública (VPP) rehabilitadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no casco histórico da cidade ourensá.

As vivendas, propiedade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, están situadas na rúa Vilar número 1 e teñen 98,88 metros cadrados e 92,64 metros cadrados, respectivamente. As dúas vivendas adxudicáronse en réxime de aluguer e contan con dous dormitorios, salón comedor, cociña, baño e aseo. Xunto coa adxudicación das vivendas vincúlase unha praza de garaxe.

O acto contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen explicou que as persoas beneficiarias xa poden facer uso das vivendas de inmediato. Tamén explicou que a Xunta desenvolve unha serie de medidas de carácter social encamiñadas a atender esta demanda e mantén aberto ao longo de todo o ano a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial e único de demandantes de vivenda.

Na actualidade, o IGVS ten en marcha 14 novas vivendas protexidas en Ourense, que se incorporarán ao parque residencial da cidade. Deste xeito e unha vez realizada a entrega de oito vivendas no barrio de Covadonga, na rúa Fermín Bouza Brey, e completadas as obras das tres vivendas que se obterán da rehabilitación dun edificio na rúa Cervantes 14 e doutras tres no edificio Vilar 3-5, a Xunta terá posto 84 VPP a disposición dos ourensáns desde o 2009.

Artigos relacionados

Back to top button
Close