CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Entréganse os premios da campaña “Pon de moda o galego!”

O CCA premiaba unha camiseta por cada un dos centros participantes nesta iniciativa promocional do galego
Un do momentos do acto de entrega de premios da campaña "Pon de moda o galego!"./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un do momentos do acto de entrega de premios da campaña “Pon de moda o galego!”./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cunha mestura de timidez e ledicia, media ducia de nenos reuníase na sede do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) na mañá do 10 de xuño. Cada un levaba a camiseta que decorou e pintou con agarimo e que tiña como motivo central unha palabra en galego. Eran os ganadores do concurso “Pon de moda o galego!!!”, promovido conxuntamente entre O Barco CCA e os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos institutos barquenses Lauro Olmo e Martaguisela e dos colexios Conde Fenosa, Julio Gurriarán e Otero Pedrayo. Tamén participaba o CEIP de Rubiá.

Esta campaña desenvolvíase no mes de maio, no marco da celebración das Letras Galegas. O seu obxectivo era “promover o coñecemento do galego e dar a coñecer e promocionar os establecementos asociados ao Barco CCA”, segundo lembraba Sandra Moldes, tesoureira desta entidade barquense. Nesta campaña participaban 32 locais, nos que se expoñían outras tantas camisetas, cada unha das cales levaba unha verba alusiva ao sector ou actividade propia de cada un dos negocios.

Os rapaces premiados, coas súas camisetas, xunto ao presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.
Os rapaces premiados, coas súas camisetas, xunto ao presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os premiados nesta primeira edición do concurso foron:
– O grupo de 4 anos B, do CEIP Condesa de Fenosa, “porque entre toda a clase confeccionaron a palabra “Bolboreta” cunha letra en cada camiseta”, indica Sandra Moldes
– Tania Peláez Aller do CEIP Julio Gurriarán.
– Iria Rodríguez Rodríguez do CEIP Otero Pedrayo de Viloira.
– Raúl Corcoba Petronila do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá.
– Sabela Prada Rodríguez do IES Lauro Olmo.
– Eva Piay Fernández do IES Martaguisela.

Cada un deles recibía como premio un vale de 25 euros para invertir en material escolar nos establecementos asociados ao Barco CCA.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button