OurenseÚltima hora

Entréganse os Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga

O acto contaba coa asistencia do delegado da Xunta en Ourense quen poñía en valor a singularidade estratéxica que representa este campus

 

O Campus da Auga constitúe “unha das maiores apostas pola investigación do Sistema Universitario de Galicia, da Universidade de Vigo e da propia cidade de Ourense na que a Xunta leva investidos máis de sete millóns de euros, para converterse no motor científico de Ourense, situando á cidade na vangarda europea da investigación e da innovación en torno a este recurso natural”. Así o sinalaba esta tarde o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, no acto de entrega dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do Campus de Ourense para recoñecer o esforzo do persoal docente e investigador e alumnado da Universidade.

O representante do Goberno galego falou da singularidade estratéxica que representa o Campus Auga porque conecta directamente co territorio e cos seus recursos endóxenos; e subliñou que “se queremos medrar e avanzar na excelencia universitaria, temos que apostar firmemente pola colaboración e a especialización intelixente”.

Gabriel Alén sinalou que a especialización do Campus de Ourense arredor dos recursos hídricos ten ao termalismo como punto de referencia, pero tamén contempla nos seus propósitos outros sectores como a industria da alimentación; pluralidade de miras que fai que traslade esas potencialidades ao ámbito académico e científico, converténdoas así en oportunidades de progreso social e económico para a cidade.

O Campus da Auga foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia. “Unha aposta –segundo o delegado territorial− pioneira, atrevida e innovadora que agora require dun paso máis: a acreditación do campus baseado na especialización e no fomento da investigación”. Nesta liña, Gabriel Alén animou aos responsables universitarios a presentarse a este proceso impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e pioneiro a nivel estatal, xa que suporá “un salto de calidade non só para o campus, senón que para Ourense cidade e para toda a provincia”.

O galardón á tese de doutoramento máis destacada foi para Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG)-Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, da investigadora do Grupo EQ2 Lucía López. Realizada na Facultade de Ciencias baixo a dirección de María Dolores Torres, a tese demostra o potencial que ten “a emerxente tecnoloxía MHG con diferentes recursos agroforestais, subprodutos alimenticios e algas mariñas, para extraer compostos de alto valor engadido con propiedades antioxidantes”. Os extractos obtidos mediante esta tecnoloxía “verde” foron incorporados á formulación de distintos produtos de coidado persoal e hidroxeles. O seu estudo enmárcase “no crecente interese polos compostos antioxidantes e bioactivos e a súa obtención dun modo eficiente e eficaz desde o punto de vista económico, ambiental e de calidade”.

Galardóns da II edición

Na segunda edición dos galardóns, cuxo acto de entrega se veu aprazado pola pandemia, concedéronse cinco premios e dous accésits a seis estudos e unha iniciativa. O premio á mellor tese de doutoramento foi para Novas perspectivas na aplicación dos procesos de oxidación avanzada, da investigadora do grupo Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (Biosuv) Aida María Díez. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit á tese Tratamento biolóxico de compostos fenílicos, de Alicia Pérez. O premio ao traballo fin de estudos máis destacado foi para o traballo fin de mestrado Estudo da reproducibilidade computacional do CMIP5, do investigador do Environmental Physics Laboratory (Grupo Ephyslab) Michael García. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao traballo Automatización dun sistema hidropónico, de Daniel Rodríguez. O galardón á mellor contribución científica foi para Increasing temperature of cooling granular gases, de Arno Formella. Na modalidade ao mellor resultado de transferencia, o premio foi para Estudo do cambio climático sobe a explotación do sistema eléctrico e a precipitación na conca Miño-Sil, de Juan Antonio Añel e Xavier Labandeira, directores da Cátedra Naturgy da Universidade de Vigo. Por último, o premio á acción ou actividades de divulgación científica foi para a Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas Exxperimenta en Feminino, iniciativa coordinada polas profesoras do campus de Ourense Julia Carballo, da Facultade de Ciencias; Alma Gómez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Nieves Lorenzo, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Galardón da II edición

Na terceira edición foron catro os traballos premiados: unha tese de doutoramento do eido científico-tecnolóxico, un traballo fin de mestrado de arqueoloxía e dous artigos, un do ámbito xurídico e outro do científico-tecnolóxico. O galardón á tese de doutoramento máis destacada foi para Microwave hydrodiffusion and gravity (MHG)-Extraction and characterization of compounds with antioxidant properties, da investigadora do Grupo EQ2 Lucía López.

Na modalidade de traballos fin de estudo, o premio foi para o traballo fin de mestrado Materiais prehistóricos de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán: unha aproximación dende o conxunto cerámico e os seus patróns decorativos, realizado pola investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) Lucía Rodríguez.

Na categoría de mellor contribución científica, o premio foi para o artigo La protección penal del agua como recurso natural. Una valoración crítica de las diferencias entre España y Portugal, de Virxilio Rodríguez, profesor da Facultade de Dereito. Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo Significant increase of global anomalous moisture uptake feeding landfalling atmospheric rivers, liderado polo investigador Iago Algarra, do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), e publicado na revista Nature Communications.

 

Artigos relacionados

Back to top button