CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Entréganse os premios do XI Concurso Fotográfico Manuel Blanco Pascual do IEV

A exposición coas imaxes participantes pode verse os sábados e domingos deste mes no Casino do Barco

Unha das salas do segundo andar do Casino do Barco acolle dende hoxe as fotografías do  XI Concurso Fotográfico Manuel Blanco Pascual convocado polo IEV. Son un total de 41 imaxes sobre o “patrimonio natural de Valdeorras” que poderán verse os sábados e domingos deste mes de decembro de 19 a 21 horas.

A inauguración da mostra, tiña lugar na tarde do 6 de decembro da man da directiva do IEV que entregaba os premios e diplomas aos ganadores: o primeiro premio foi para a fotografía titulada “O sendeiro dos avós”, de Manuel Juan Otero Pérez; o 2º premio foi para “Aciñeira de Cobas, Serra da Enciña da Lastra” de Margarita Rodríguez Blanco; e o 3º para “Aciñeira Centenaria”, de Jorge Vidal Pacios. Os accésits foron para: “Natureza Inqueda” de Arsenio Blanco Gayoso, A cara, o espello da alma” de Susana Fernández Fernández, “Isla do Encoro” de Álvaro Rodríguez Pérez, “Vía Láctea nos Penedos de Oulego” de Adolfo Fernández Docasar, “Ouriceiro” de Luis Prada Ferrer e “Penedos de Oulego” de Mª Elina Blanco Gayoso.

No acto, o presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado deu as grazas aos participantes neste concurso que nacía hai 11 anos durante a presidencia de Ángel Fernández, sen apoio institucional. “Un concurso ao que lle teño especial cariño porque está adicado a Manuel Blanco Pascual, primo carnal da miña nai e ademais gústame moito a fotografía, así que espero que se manteña”.

Con respecto a esta edición, Blanco Trincado explicou que cambiaran a temática dos anos anteriores (“patrimonio inmaterial de Valdeorras”) porque se sentiron sensibilizados cunha serie de talas de árbores centenarias, esperando elaborar coas fotografías recibidas “un catálogo de árbores que remitiremos á Xunta solicitando que as cataloguen como senlleiras”, dixo.

Ademais das imaxes do concurso, a exposición conta cunha colección de fotos antigas dos interiores e xardíns da Casa Grande de Viloira, propiedade do IEV, incluída unha de “Don Pepito”; así como unha réplica do Libro de Visitas da casa; e unha serie de maquetas de edificios singulares, obra de Amancio Fernández Vidal “Yeya”.

O acto remataba cunha pinchada e un viño.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button