ConcellosÚltima hora

“Entretendas”, un proxecto para dinamizar o comercio local do Barco

A actividade, que será os venres 7 e 21 de agosto, contempla a ampliación da zona peonil, vales de compra e actuacións na rúa

De esquerda a dereita: Eladio Santos, concelleiro de Comercio e Turismo; Alfredo García, alcalde do Barco e Ainoha Carracedo, xerente do Centro Comercial Aberto.

 

Dinamizar o comercio local en tempos de coronavirus. Este é o eixo sobre o que se estrutura o proxecto “Entretendas”, una iniciativa do Concello do Barco en colaboración co Centro Comercial Aberto programada para os venres 7 e 21 de agosto. A actividade presentouse hoxe, 30 de xullo, nunha rolda de prensa na Casa Consistorial e na que estiveron presentes o concelleiro de Comercio e Turismo, Eladio Santos; a xerente do Centro Comercial Aberto, Ainoha Carracedo e o alcalde do Barco, Alfredo Gracía.

“Entretendas” comeza o vindeiro día 7 de agosto, de 18:00h a 20:30h. Será na rúa Conde Fenosa (entre a rúa Castelao e a avenida da Estación), que pasará a ser de dirección única durante a actividade co fin de ampliar o espazo peonil e garantir a distancia de seguridade entre os cidadáns. A actividade estará amenizada polo Grupo Troula coa actuación de zancudos “Benito e Rufina”, con dous pases a partir das 18:00h. Pola súa banda, o venres 21, no mesmo horario, o evento será nas rúas Doutor Pérez Lista, Academia Dequidt e Marcelino Suárez (entre a avenida da Estación e a rúa España). Volverá a actuar o Grupo Troula, nesta ocasión co espectáculo “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, cun único pase ás 19:00h.

Ademais das modificacións do tráfico e dos espectáculos na rúa, tamén se sortearán catro vales de compra de 25€, dous para cada venres. O sorteo será a través de Facebook, onde os usuarios terán que comentar nunha publicación durante os días 5 e 6 de agosto e 19 e 21 de agosto. A organización comunicará o gañador á mañá dos días 7 e 21 e os vales poderán invertirse nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto durante a celebración do “Entretendas”. A organización tamén sorteará agasallos doados polos establecementos adscritos.

 

A presentación de “Entretendas”.

 

Segundo o concelleiro, Eladio Santos, con esta iniciativa buscan “animar ao comercio do Barco e aos consumidores para que siga con forza este sector comercial que para nós é moi importante”. Santos tamén comentou que as modificacións do tráfico buscan dar un espazo máis amplo aos peóns e garantir a distancia de seguridade. “Unha das medidas que as autoridades sanitarias recomendan é estar nos espazos abertos e pensamos que unha concentración de tendas ao aire libre como a que hai no Barco é todo un luxo”, sinalaba o concelleiro. Sobre os espectáculos na rúa, o concelleiro quixo destacar que están pensados para “un público infantil e familiar” e que ademais “son itinerantes”, polo que non haberá concentracións de persoas.

Pola súa parte, a xerente do Centro Comercial Aberto, Ainoha Carracedo, sinalou que a iniciativa tivo “unha moi boa acollida entre a asociación” e afirmou que confía en que terá “moito éxito”. O alcalde do Barco, Alfredo García, quixo felicitar ao concelleiro e a asociación “por esta iniciativa conxunta” que pode “beneficiar ao conxunto do sector”. “Estamos a traballar polo sector e temos que axudar ao comercio e á hostalería. Se a xente sae a comprar non só irá as tendas senón que tamén utilizará as terrazas para tomar algo”, comentou o rexedor.

Máis iniciativas

Durante a presentación do proxecto “Entretendas”, o concelleiro, Eladio Santos, destacou que, aínda que neste caso a actividade está circunscrita a unhas rúas concretas, a intención do Concello é continuar a facer proxectos para o sector noutras partes da vila. “Non teñen por qué ser como esta, porque nalgunhas zonas non se pode facer, pero queremos que continúen as iniciativas para dinamizar todo o comercio” afirmaba Santos.

 

Cartel promocional da actividade. / Foto: cedida.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button