DeportesÚltima hora

Entrevista ao valdeorrés Pablo López Arias

Como auxiliar de segundo ano do Colexio de Ourense, arbitra nas categorías base de fútbol
O valdeorré Pablo López en plena arbitraxe. /Foto: By Harto.
O valdeorré Pablo López en plena arbitraxe. /Foto: By Harto.

Unha vez que colles o asubío“xa non o podes deixar”. Con esta afirmación, Pablo López Arias (O Barco de Valdeorras, 1997) deixa claro que o seu é ser árbitro de fútbol, un mundo complexo e difícil no que el leva pouco máis dun ano aínda que está vinculado ao balón pé dende hai algúns máis. “Comecei xogando ao fútbol sala nas Escolas Rúa-Petín que adestraba David López e un día pediume que arbitrara un partido de adestramento e aí empezou a chamarme a atención”. Despois estivo varios anos como cronometrador de fútbol sala, un labor ao que non lle via moito futuro en Valdeorras así que comezou a informarse ata que coa entrada de José Antonio Presas López como delegado de árbitros de Ourense, facía o curso base na cidade das Burgas. “Foron máis de dous meses. Unha vez por semana tiña que ir á capital e ao rematar xa era auxiliar podendo arbitrar partidos dende prebenxamíns ata xuvenís” explica.

¿Que categorías arbitraches ata agora? ¿Como está sendo a experiencia?
Arbitrei en todas menos xuvenil, pero a verdade é que por agora moi ben. A experiencia está sendo moi gratificante, cada vez que salto ao campo é como se fose a primeira , e iso que sempre hai algunha persoa, sobre todo as nais que están detrás berrando, que é o peor do fútbol, tamén ten a súa parte mala pero bueno eu estou totalmente concentrado nos partidos e moitas veces incluso cando me chaman os adestradores para facer algún cambio, resúltame difícil escoitalos porque practicamente non escoito nada do que pasa fóra. Se hai algún despiste e empezan a berrar moi alto si, pero con concentración pódese lograr todo.

¿Que tipo de adestramento necesita un árbitro para as categorías base?
A miña intención é adestrar dúas ou tres veces por semana máis o partido. Despois na categorías superiores os árbitros de elite xa o fan toda a semana. Eu adestro de forma particular e normalmente o que fago é correr e bicicleta para manter a forma, porque aínda que sexan categorías base hai que correr. Á parte do físico tamén están a técnica e a teoría, o regulamento, situacións, fóras de xogo, como sinalizar e tódalas cuestións que se podan dar nun partido. Hai un programa no que suben videos da FIFA con exemplos reais de tódolos casos que se che poden dar. Eu, se teño un partido o sábado, o venres pola noite intento mirar eses videos (con fóras de xogo, amonestacións, expulsións) aínda que ás veces resúltame imposible. Sobre todo este ano ao estar en 2º de Bacharelato, non vou poder facelo tódalas semanas porque non podo desatender os estudos, xa para os exames de árbitro, á parte de inglés que che piden para categorías nacionais, tamén piden moita cultura xeral.

¿Que obxectivo te marcas? ¿A que aspiras?
Pretendo chegar ao máis alto posible dentro das miñas posibilidades, pero se me deran agora un papel para ser árbitro en primeira autonómica que é a categoría máis alta a nivel ourensán, xa firmaba. Tódolos árbitros e ex árbitros cos que teño falado din o mesmo, que cando chegas, éntrache a afección e sempre queres seguir ascendendo. A miña meta agora mesmo é primeira autonómica, cando chegue, xa veremos.

¿A quen che gusta máis arbitrar, aos máis pequenos ou aos maiores?
Como arbitraxe gústame máis aos cadetes porque podes dialogar con eles, entenden do que lles falas, e comprenden porque lles sacas unha tarxeta, a capacidade mental é moito máis ampla que a dun prebenxamín, pero como persoa, como espectador, ver un partido de prebenxamíns é unha pasada, sobre todo dende a metade do campo, porque ves aos nenos tan pequeniños darlle ao balón, como fan xogadas eles sós e como tiran unha falta ou o porteiro para un gol, e quedas alucinado. Sorprenden moito. Hai nenos que teñen unha calidade estupenda.

¿Cantos partidos levas artbitrados? ¿Algún que recordes especialmente?
Levo vinte partidos oficiais e dous torneos. Un que recordo agora, foi o primeiro partido de cadetes, o segundo de fútbol 11, Velle B-Pabellón Promesas que gañou o Pabellón por 8-0, un partido no que me atopei a gusto con tódolos xogadores, houbo moito diálogo, non foi moi guerrilleiro e así dá gusto arbitrar. Aínda que despois pícache a afección e queres un partido máis complicado… ata que empeza a haber moita guerra, e xa non sabes que prefires.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do mes de outubro do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button