ConcellosÚltima hora

O Entroido de Xinzo vai quentando motores

Vén de celebrarse a terceira asemblea xeral da que será a Comisión do 2018
Pantallas no Entroido de Xinzo de Limia.

Cun total de 27 integrantes adscritos (das 45 persoas que se presentaron á convocatoria da Concellería de Cultura), a do Entroido de  Xinzo de Limia 2018 será “a Comisión con maior participación cidadá de todos os tempos”. Así o aseguran trala última asemblea xeral (a terceira) que tiña lugar a comezos de novembro.

Na reunión aclaráronse temas como o modelo de traballo que desenvolverá esta comisión, con asembleas xerais e participativas e os correspondentes grupos de traballo enmarcados nunha área específica do Entroido: música e actividades, tradición, decoración, infraestruturas, comunicación e promoción, finanzas, burocracias e relacións internas que terán total autonomía de reunión. “Cada grupo de traballo contará cunha persoa representante a cal terá como labor presentar as propostas estudadas polo grupo e comunicarlle a este toda aquela información pertinente que xurda das asembleas de representación, que funcionará como segundo órgano de elección despois da asemblea xeral. Todo isto, cun moderador que rexerá a quenda de palabra e un secretario que tomará rigorosa acta do falado nas asembleas”, explican dende a Comisión.

O Entroido en Xinzo comezará xa o día 20 de xaneiro e dende a Comisión márcanse varios obxectivos. Un deles é a mellora da imaxe do Entroido, tanto cara ao público xeral como para os medios de comunicación. “Foi elección unánime da asemblea abandonar o método do concurso popular para elixir o cartel pola contratación de profesionais no eido do deseño e a comunicación, que elaborarán non só un cartel para o evento, senón que se preocuparán de mostrar unhas liñas concretas de traballo para que o Entroido de Xinzo consiga unha estética pensada, atractiva e fresca”.

Tamén a mellora no aspecto da tradición, da súa salvagarda e recuperación, preocupaba á Comisión, saíndo adiante iniciativas como “a recreación dos ritos dos domingos previos que conforman o ciclo festivo do Entroido de Xinzo no desfile que ten lugar o Martes de Entroido; a celebración dunha Mascarada con traxes do sur da provincia de Ourense na mañá do Domingo de Oleiro; o potenciamento da alborada do Domingo de Entroido; ou manter o Sábado do Colgamento do Meco pola liña marcada nos anteriores anos, debido á súa grande acollida e resultado, traballando na recuperación de figuras como o touro, os fachóns, os gordos e outros personaxes case esquecidos”.

No aspecto financeiro, a Comisión tomou a decisión de “deixar de lado o método empregado ata o de agora para a recadación de diñeiro, e habilitar unha conta que se porá a disposición de todas as veciñas e veciños de Xinzo, onde se poderán ingresar as doazóns pertinentes de maneira voluntaria”.

O seguinte punto a tratar será o encadrado no eido da música e as actividades, seguindo debates sobre a limpeza, a seguridade ou a decoración nos días da festividade.

Artigos relacionados

Back to top button