En portadaÚltima horaVídeos

Entusiasta recepción a Elena Domínguez na súa chegada a Viloira (O Barco) tras completar os 1.080 km da Trans-España 2022

Esta atleta barquense, especialista en ultra e trails, era a segunda muller en chegar a meta tras 18 días de carreira entre Urdos (Francia) e Málaga

 

Non todos os días se vei a unha persoa levar a cabo unha proeza deportiva, por iso na mañá deste xoves 12 de maio eran moitas as persoas que se congregaban nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, para recibir a unha veciña que vén de lograr toda unha xesta. Elena Domínguez, membro do Club Peña Trevinca Barco vén de completar con éxito a Trans-España 2022, unha dura carreira de 18 etapas dende Urdos (Francia) de onde saía o 24 de abril ata Málaga nde cun total de 1.080 quilómetros, sendo ademais a segunda muller en entrar en meta.

 

 

Non é a primeira vez que Elena participa nunha carreira destas características pero posiblemente si das máis longas polo que hoxe chegaba esgotada pero tamén pletórica. Máis ante o recibimento co que a esperaban a súa familia, amigos, compañeiros do club e veciños en xeral. Entre eles unha multitude de nenos do colexio Otero Pedrayo que lle facían o pasillo coreando o seu nome. Tamén estaban o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso; o presidente do Peña Trevinca, Miguel de la Cal; o piragüista Jesús Rodríguez León e José López, entre outros. Tampouco faltaba a súa cadeliña Luna (á que botou moito de menos, tal como ela mesma aseguraba) a culpable de que se afeccionase a esta modalidade deportiva que a acabou enganchando.

 

 

Elena non era das que corría e nunha entrevista publicada en O Sil Deportivo de febreiro de 2019  aseguraba que en apenas dous anos pasou de non practicar deporte a completar carreiras de máis de 80 quilómetros cun gran desnivel pola montaña, viaxando e correndo en probas de ultrafondo (máis de 43 km) sen importar o lugar. Dende entón leva participado en moitas carreiras dentro e fóra de España pero comezou pouco a pouco, facendo andainas ás que levaba a Luna. Como quen non quere a cousa, cada vez saía máis a miúdo e canto máis corría mellor se sentía, sendo capaz de facer incluso dúas carreiras nunha fin de semana. “Non son rápida porque vou a desfrutar pero si aguanto moito”, aseguraba, destacando que este deporte sobre todo dálle enerxía. “Empecei pouco a pouco, o corpo pedíame cada vez máis e atopábame cada vez mellor. Isto é o máis san que hai e gústame, canto máis fago máis quero facer e despois dunha carreira podo pasar dez horas traballando sen problema”.

Mostra diso é o sorriso co que chegaba hoxe a Viloira e co que de seguro se pon mañá detrás da barra do Bar Jardín onde hoxe continuaba a festa con pinchos para os asistentes.

Fotos Carlos G. Hervella excepto as dúas primeiras que son cedidas.
Vídeo cedido.

 

Artigos relacionados

Back to top button