OurenseÚltima hora

Envío de axuda humanitaria a Ucraína, dende Barbadás

 

O día 5 de marzo o Concello de Barbadás iniciaba unha campaña de recollida solidaria para colaborar coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína, na que se recolleu roupa de abrigo, mantas, alimentos non perecedeiros, alimentos infantís, produtos farmacéuticos (gasas, tiritas, alcohol, etc.), artigos de hixiene persoal e outros enseres de primeira necesidade.

Esta campaña estivo activa durante dúas semanas en dous puntos de recollida no concello, no polideportivo municipal, en horario de 7 a 13 horas e de 16 a 22 horas, e nas instalacións de Protección Civil durante toda a xornada, e na xornada deste luns 14 de marzo, levábase a cabo o envío de todo este material solidario da veciñanza de Barbadás á Asociación. A cantidade de material solidario aportado polos veciños e veciñas de Barbadás é de aproximadamente 1.500 quilos, para un camión de 20 metros cúbicos.

 

Cargando o camión coa axuda humanitaria.

 

Dende a Concellería de Servizos Sociais, a concelleira responsable, Elisabet González Nistal aseguraba que agradecían “a solidariedade amosada polos nosos veciños e polas nosas veciñas, xa que dende o primeiro momento se volcaron con esta iniciativa que a día de hoxe e debido á loxística, temos que interrumpir ata que as autoridades competentes nos indiquen como poder seguir colaborando, xa que somos conscientes da grande inquedanza da poboación por seguir apoiando ao pobo ucraíno, na aínda vixente situación de emerxencia humanitaria. E asegurar que tan pronto como sexa posible daremos a oportunidade á veciñanza de participar nunha nova campaña de recollida”.

A propia concelleira asegura que “unha vez máis, non temos por menos que sinalar o espíritu solidario da nosa comunidade, xa amosado durante a pandemia de xeito exemplar”, anunciando que varias/os voluntarias/os do Banco Solidario de Barbadás participarán na clasificación das doazóns coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína.

Dende o Concello de Barbadás a tenente alcalde, Victoria Morenza, indicou que “queremos transmitir o agradecemento por todas as doazóns e a solidariedade amosada pola comunidade, un agradecemento que facemos extensivo a Protección Civil, persoal do Concello, do polideportivo e de todas as persoas involucradas nesta iniciativa de axuda humanitaria”.

Artigos relacionados

Back to top button