ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

Enxeñeiros forestais e de montes en folga

Artigo de opinión de Xosé Benito Reza, xefe de área do servizo de prevención de incendios forestais de Ourense

Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nós, os técnicos do servizo de prevención de incendios forestais da Xunta de Galicia, que tal cousa eu nunca dixera, estamos en folga desde o pasado sábado día 1 de agosto. En folga logo de dous anos de estar a reclamar unha serie de melloras nas nosas condicións laborais ante a pasividade absoluta da Consellería do Medio Rural fronte a esas demandas. Certamente, non esperaba eu, logo de case corenta anos na administración galega e non moi lonxe da xubilación, ter que poñerme por vez primeira na miña vida en folga.

Porque nós, nun servizo tan duro e esixente como o de incendios, onde a xerarquía e as liñas de mando están perfectamente definidas, somos supostamente os “xefes”, os xefes dos servizos provinciais, os xefes dos 19 distritos forestais, os xefes de área e das unidades técnicas, incluso os máximos responsables das dúas direccións xerais competentes en montes e en incendios foron un tempo os nosos compañeiros. Por todo iso agradecemos enormemente o xeneroso e decidido apoio de todos os sindicatos da función pública galega fronte ao pasotismo e a indiferenza dos responsables da Consellería do Medio Rural e ás reiteradas chamadas á negociación. Tan mal se poden facer as cousas como para chegar a esta lamentable e inaudita situación co persoal responsable da xestión do 15% do territorio galego e do 40% dos incendios que se producen en España?… Atenderemos, obviamente, todos os lumes que veñan; pero a xestión administrativa queda paralizada sine die.

Solicitamos a revisión do acordo laboral asinado en 2008, porque en doce anos mudou moito a vida e o mundo. Queremos que se reorganice o servizo para convertelo nun servicio moderno e profesional. Necesitamos o persoal suficiente que nos axude a conseguir unha mellor coordinación e unha maior eficacia e seguridade nas intervencións, con incendios hoxe de cuarta, quinta e incluso sexta xeración que están a poñer en grave risco e cada vez con máis frecuencia e virulencia poboacións enteiras e a vida de moitas persoas; con gardas de vinte e catro horas e máis de cincocentas horas de traballo que calquera outro funcionario da Xunta de Galicia, o que está a poñer a proba a nosa resistencia física e mental; con xefes de distrito obrigados a presentarse a calquera hora do día os 365 días do ano, ou con centros de coordinación como o de Ourense onde nos tempos do coronavirus tocamos a pouco máis dun metro cadrado por persoa e onde non dispomos nin sequera dun lugar para comer, asearnos ou mudarnos.

Señor Presidente, Sr. Feijóo, agora que gañou de novo as eleccións e ten tanto tempo por diante para mellorar as cousas, poña un pouco de orde e racionalidade nas ringleiras dos responsables deste asunto; fágao por nós, que logo de tantos anos algo sabemos e penso que algo máis merecemos, inda que non nos fagan moito caso e o país siga a arder; e senón fágao por Galicia, por esa Galicia súa e de todos nós, sempre Galicia…

Xosé Benito Reza – xefe de área do servizo de prevención de incendios forestais de Ourense

 

Artigos relacionados

Back to top button