SanidadeÚltima hora

A EOXI de Ourense, Verín e O Barco convoca o seu sétimo concurso fotográfico

O certame está dedicado aos traballadores da Xerencia de Xestión ourensá e o prazo de presentación está aberto até o 29 de setembro
Dionisio López, Euduardo González e Saúl Otero.

O Xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Dionisio López Bellido, o Director de Recursos Humanos, Eduardo González Gil, e o Subdirector de Sistemas de Información, Saúl Otero Lomba, presentaron hoxe, 18 de xullo, a convocatoria da “VII edición do Concurso fotográfico” da EOXI no que poden participar todos os traballadores con praza nas unidades administrativas, centros de saúde e hospitais da Xerencia ourensá, así coma eventuais, con contrato de vinculación directa con esta EOXI, que coincida no tempo co prazo de presentación de traballos, informaron fontes do CHUO.

O obxectivo do concurso fotográfico “é o da captación de fondos gráficos para a súa edición con fins expositivos, de humanización dos espazos comúns ou singulares dos centros do Servizo Galego de Saúde na provincia de Ourense, e publicacións propias da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”.

En canto ao tema, este será libre. Segundo rezan as bases do concurso, as fotografías pódense presentar nun máximo de dúas imaxes por participante e deberán ser en formato dixital, orixinais e non poderán ter concursado noutro certame, concurso ou similar. O prazo de envío de fotografías rematará o venres 29 de setembro de 2017. As bases do premio poden descargarse da intranet da EOXI.

Haberá dous premios para as fotografías elixidas polo xurado, unha cámara reflex dixital e unha tableta, que serán entregadas a finais do mes de outubro coincidindo no tempo coa celebración do certame internacional “Outono Fotográfico” da cidade de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button