A Pobra de BrollónConcellosÚltima hora

Escavación do castro de Penas do Castelo en Salcedo, con certos paralelismos co Castrillón (Larouco)

A campaña comezará o vindeiro 23 de agosto e xurde da colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo, a Comunidade de Montes, o Concello da Pobra do Brollón e a Xunta

Castro de Penas do Castelo (Salcedo, A Pobra do Brollón)./ Cedida.

 

Para a vindeira semana está previsto o inicio da escavación do xacemento Penas do Castelo en Salcedo (A Pobra do Brollón). Esta campaña enmárcase nun proxecto que os promotores definen como “arqueoloxía de aldea” e que xurde da colaboración da Asociación Veciñal de Salcedo, a Comunidade de Montes, o Concello da Pobra do Brollón e a Xunta de Galicia, quen financiará a actual escavación.

O alcalde da Pobra do Brollón Xosé Lois Maceda comenta que o proxecto de Penas do Castelo é “a terceira iniciativa de arqueoloxía comunitaria que se pon en marcha no municipio en colaboración con entidades locais. Ademais dos valores comunitarios e identitarios, estamos a crear unha rede de recursos visitables que cada vez goza de máis demanda”.

O xacemento foi rozado e rexistrado en xuño nunha actuación promovida pola Comunidade de Montes de Salcedo. A limpeza permitiu incluír Penas do Castelo no circuíto de visitas guiadas de verán do Concello da Pobra do Brollón, polo que xa pasaron varios centos de persoas.

A escavación que comeza a semana do 23 de agosto será executada por Árbore Arqueoloxía ao longo de tres semanas e centrarase na muralla do xacemento. Permitirá crear un “recurso aínda máis espectacular ao deixar á luz as dúas caras da muralla de grandes dimensións. Ademais tratarase de establecer a datación do xacemento mediante a toma de mostras que serán analizadas por Carbono 14”, segundo adianta o Concello da Pobra do Brollón.

O lugar de Penas do Castelo fai de miradoiro natural, pendurado sobre o Río Lor, nas estribacións do Courel. Estaba clasificado como xacemento altomedieval, pero a roza permitiu establecer paralelos – os seus foxos escavados na rocha, a tipoloxía das murallas e organización interna do recinto – con outros castros do Courel e incluso ourensáns como o de Castrillón en Larouco, que tamén está a ser escavado. “Aínda que estes paralelismos fan pensar nunha adscrición de castro, as cronoloxías dos mesmos son moi variadas; de aí a importancia de datar o xacemento na campaña de escavación”, segundo o Concello.

Tamén durante os traballos de roza apareceron múltiples escouras pétreas que fan pensar aos investigadores nun poboado de tipo mineiro, reforzado polos coñecidos depósitos minerais da contorna.

 

 

Escavación con actividades paralelas

Ademais da escavación arqueolóxica, hai previstas unha serie de actividades de difusión e divulgación que inclúen charlas, obradoiros, visitas guiadas, andainas, proxeccións e concertos. “Para os veciñas e veciñas ter este proxecto é un motivo de orgullo e un xeito de reforzar dinámicas comunitarias”, afirma Marisa Defente, membro das directivas da Asociación Veciñal e da Comunidade de Montes.

“Estamos a recuperar moitos elementos do noso patrimonio coincidindo ademais cunha época moi simbólica para Salcedo como é a celebración do San Ramón”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button