Galerías de fotosSemana SantaÚltima hora

Escenificación da Paixón de Cristo en Rubiá

Como cada ano dende hai once, medio cento de veciños representaron a crucifixión o Venres Santo

Dende o xuízo no que é condeado a morte na cruz ata o momento da crucifixión. A escenificación por parte dun grupo de veciños da Paixón de Cristo, centraba un ano máis a programación da Semana Santa no concello de Rubiá.

Baixo un sol de xustiza, pasadas as seis e media da tarde do Venres Santo, seguido de preto polos fegreses comezaba o acto na praza da Baicela. Dende alí a comitiva, coordinada polo párroco Herminio González, partía nun percorrido ascendente polas rúas de Rubiá, onde se ían sucedendo os episodios que forman parte das diferentes estacións ou pasos do Vía Crucis. Cargando coa cruz de madeira, os protagonistas da historia ían representando cada acto do camiño do Calvario como as sucesivas caídas que sofre Xesús, o encontro coa Mª Magdalena ou coa súa nai.

Ata este ano, a escenificación remataba coa crucifixión nun terreo próximo á igrexa parroquial, pero este ano incorporaron unha escea máis, rematando no sepulcro feito para a ocasión no adro da igrexa, onde colocaron o corpo tras baixalo da cruz.

Ao longo de case unha hora e media, Cristo percorreu coa cruz ás costas, o pobo, simulando o calvario que vivíu antes da súa morte e posterior resurrección.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button