OurenseÚltima hora

A Escola Provincial de Gaitas da Deputación publica o 30 Anuario da Gaita

Foi presentado no Pazo Provincial da man do director da entidade, Xosé Lois Foxo, e o colaborador Manuel Rego
Rosendo Fernández, Manuel Rego, Aurelio Gómez Villar e Xosé Lois Foxo.
Rosendo Fernández, Manuel Rego, Aurelio Gómez Villar e Xosé Lois Foxo.

A Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense vén de presentar a 30ª edición do seu Anuario da Gaita, unha publicación que afonda no instrumento estrela de Galicia, a gaita. O novo volume foi dado a coñecer polo director da escola, Xosé Lois Foxo, e o colaborador asiduo da obra, Manuel Rego Nieto, nun acto que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial. Ambos estiveron acompañados polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e o asesor de Cultura do ente provincial, Aurelio Gómez Villar.

Segundo explicaron, o Anuario da Gaita é “única nas súas características en Galicia”. Nesta nova edición, a obra fai unha recopilación de investigación, tradición, cultura e etnografía adicada integramente a este instrumento. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación apuntou a que se trata dun traballo que “aposta pola defensa da identidade ourensá e galega”.

Foxo afirmou pola súa banda que o presentado é “un referente para estudosos, investigadores e profesores que buscan aquilo que non é doado de atopar”. Tamén se referiu a unha investigación que está en marcha para afondar na orixe da Muiñeira e que están a facer especialistas italianos e galegos co obxectivo de descubrir cales son as vinculacións entre este ritmo e a Tarantela italiá.

En xeral destacaron os alí presentes que o Anuario da Gaita fai de Ourense un referente no campo da investigación científica arredor deste instrumento e defenderon, neste contexto, o labor da escola poñéndoo en valor a través do ensino e doutras iniciativas como o Museo Internacional de Cornamusas.

Artigos relacionados

Back to top button