CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Escribindo o libro sobre Seivane aprendín moitísimo do que é un artesán”

Da man da Asociación Cultural Abertal, a biblioteca da Rúa acollía a presentación da obra 'Xosé Seivane, a gaita con maiúculas' de Xosé Manuel Sánchez Rei

 

A relación entre Abertal e Xosé Seivane vén de longo. A primeira como escola de música e baile tradicional e o segundo como o artesán de gaitas por excelencia. Por iso non é de extrañar que fose precisamente a Asociación Cultural Abertal, quen organizara a presentación na Rúa do libro Xosé Seivane, a gaita con maiúculas de Xosé Manuel Sánchez Rei.

Trátase dunha obra literaria editada por Canela que relata os aspectos máis relevantes da vida de Seivane como artesán, tendo en conta o seu contexto familiar, vital e cultural. Inclúe entrevistas a grandes personalidades, numerosas pezas transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, un álbum fotográfico familiar, imaxes en exclusiva do fotógrafo Vicente Ansola e prólogo de Xosé V. Ferreirós.

A presentación tiña lugar na tarde deste venres 21 de xaneiro na biblioteca municipal ruesa, a carón do local onde Abertal imparte as clases (de gaita, de percusión, de paneireta, de baile,…) contando coa presenza do autor do libro; dun dos fillos de Xosé Seivane, Álvaro; e do fundador de Abertal e presidente da actual asociación, Manolo Durán, que foi o encargado de abrir o acto. “Seivane estivo con Abertal máis dunha vez facendo exposicións de gaitas, e presente tamén nalgunha actuación da súa neta Susana”, dixo  Durán, agradecendo a presenza dos convidados e do público, antes de dar a palabra a Álvaro.

 

O presidente da Asociación Cultural Abertal, Manuel Durán.

 

O fillo de Xosé Seivane que foi quen mantivo o legado de seu pai, comezou a intervención falando da “Rúa de Petín”, explicando de forma divertida a confusión sobre o nome que tivo a primeira vez que pasou por esta vila rumbo a Barcelona, precisamente polo nome da estación de tren. “O nome é con guión, A Rúa-Petín, pero dalquelas, hai 50 anos, era o que se comentaba e a min veuseme á mente a Ribeira de Piquín”, dixo, lembrando os comezos do seu pai nun pequeno taller que pouco a pouco foi crecendo ata converterse no gran artesán da gaita.

O último en falar era o propio Xosé Manuel Sánchez Rei, filólogo e gaiteiro, actualmente profesor na Universidade da Coruña e vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, quen asegurou que para el foi moi grato estar en Valdeorras “unha terra rica en viños e en cultura” para falar de Seivane, de gaitas, de música galega, unha tradición que hoxe é mantida por Abertal “unha referencia na comarca da nosa música tradicional, un dos nosos sinais de identidade como pobo galego”.

Sobre o libro, Sánchez Rei asegurou que está acostumado a escribir texos sobre sintaxe ou gramática polo que escribir a biografía de Seivane supuxo unha experiencia totalmente nova para el, sendo “un camiño moi grato porque aprendín moitísimo do que é un artesán e do que representa hoxendía en Galicia onde hai moitos reprodutores de instrumentos máis que artesáns. Despois do que puden ler e aprendín sobre esta figura, para min Seivane é o verdadeiro artesán, o feitor de gaitas que empezou na súa terra natal no ano 39 cuns recursos moi limitados é hoxe dicir Seivane é case dicir gaita”.

 

Xosé Manuel Sánchez Rei, autor do libro sobre Seivane.

 

O proxecto sobre este libro nacía da editorial Canela, coa encomenda que Pablo Quintana lle fixo a Xosé Manuel e o primeiro que este fixo foi documentarse sobre Seivane e o que representaba e para iso o que fixo foi gravar xente (veciños, familiares, artesáns, músicos, clientes, amigos,…) dando como resultado un voluminoso traballo de 468 páxinas e que, tal como explican dende a editorial, está organizado en cinco partes.

A primeira fai un achegamento ao artesán tendo como cerna a súa vida: onde nace, quen era a súa familia, o seu casamento con Fuencisla, como o lembran as persoas que o trataron na Ribeira de Piquín etc. No seguinte capítulo Xosé Manuel Sánchez Rei céntrase de preferencia no desenvolvemento do Obradoiro, desde 1939, en que Seivane constrúe de modo autodidacta a súa primeira gaita, até ao momento en que se produce a unificación en Cambre, pasando polos diferentes locais en que estivo asentado. A terceira das partes proporciona unha aproximación ao fabricante desde as impresións que gardan del persoas vinculadas ao mundo da gaita ou da cultura galega. A cuarta parte está alicerzada na compilación de melodías en que el propio volta a ser protagonista, nas cales se diferencian dúas tipoloxías: unhas corresponden a pezas transmitidas, compostas ou interpretadas por Seivane e outras son creacións dedicadas a el; aquelas, máis de corenta, foron transcritas por Daniel Bellón e Pedro Lamas, que desenvolven un traballo caracterizado por un criterioso e escrupuloso rigor. Por último, a derradeira das partes recolle de maneira sintética os aspectos máis relevantes expostos ao longo do traballo, o cal finda coas referencias e fontes documentais que figuran nel citadas.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button