Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O escritor ourensán Carlos Casares, distinguido coa Medalla de Ouro da provincia a título póstumo

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, entregaba o galardón aos fillos deste autor e ao seu irmán, nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo Provincial

Coincidindo co 16º cabodano do escritor e intelectual Carlos Casares, falecido no 2002, a Deputación de Ourense vén de concederlle a título póstulo a Medalla de Ouro da Provincia de Ourense, o máximo galardón que outorga este organismo. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, facía entrega do mesmo aos fillos do escritor e ao seu irmán, nun acto celebrado no mediodía do 9 de marzo no salón de plenos do Pazo Provincial, coa asistencia de numerosos representantes políticos, institucionais, culturais e sociais.

A concesión do galardón foi aprobada en sesión plenaria pola Corporación provincial o pasado 24 de novembro de 2017, ditaminando conceder a Carlos Casares o dito recoñecemento. O expediente de honra, ao que deu lectura o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, sinala que se lle outorga esta distinción “como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria cultural e social marcada polo seu carácter conciliador que forxou na súa etapa máis ourensá”.

Tamén destaca o expediente que as meritorias circunstancias persoais e profesionais que concorren en Carlos Casares “son determinantes para avaliar as calidades que honran a este persoeiro”, e é obrigado deber da Deputación “promover a exaltación dos fillos ilustres da provincia de Ourense que dedicaron a súa vida e as súas actividades a prol do noso desenvolvemento, tanto cultural, artístico, musical, social como económico”.

No acto, presidido por Manuel Baltar, a laudatio corría a cargo do escritor Luis González Tosar. No apartado musical contábase coa Coral de Ruada, que interpretou “Ourense ao lonxe” como apertura e o Himno Oficial da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor”, como peche deste evento.

En nome da familia, Hakan Casares, fillo de escritor, agradeceu esta distinción que lle outorga a Deputación de Ourense á memoria do seu pai, e tivo tamén palabras de agradecemento para a cidadanía de Ourense, “que fai posible estes homenaxes”, lembrando así mesmo a importancia da tradición cultural da nosa provincia, “porque a cultura galega e Galicia non se entenden sen Ourense”, destacaba.

No seu discurso, o presidente da Deputación de Ourense definiu a Casares como “un escritor creador de linguaxe, comprometido co seu país”, engadindo que este autor non escatimou esforzos cando tivo que mediar para resolver conflitos. Fíxoo convencido e desde a razón, con sensatez, buscando solucións pactadas, chegando a consensos que permitisen avanzar na difícil tarefa de dotar a Galicia das institucións das que carecía”.

Manuel Baltar destacou de Casares os valores que sempre defendeu “os cales cómpre recuperar mediante un diálogo fluído, flexibilizando rixideces moitas veces ridículas, ensinando a escoitar e a razoar, evitando coa forza da palabra conflitos irreparables”, e agradeceu á familia Casares-Berg e á Fundación Carlos Casares, “a súa boa disposición e colaboración permanente co goberno provincial. Froito dese entendemento é a publicación, en forma de libro, do número monográfico que a revista Raigame lle dedicou, no seu día, a Casares, publicado pola Deputación de Ourense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button