ConcellosÚltima hora

Esgos, Celanova, Ourense e Riós abranguerán campos de traballo para mozos este verán

Esta iniciativa dase grazas a un convenio asinado entre os concellos e a Consellería de Política Social
Na sinatura estiveron presentes os representantes dos concellos e da Xunta // Foto: Carlos Asensio.

Os concellos de Esgos, Riós, Celanova e Ourense acollerán este verán sendos campos de traballo grazas a un convenio que hoxe, 27 de xuño, asinaron coa Consellería de Política Social. A sinatura tivo lugar na delegación da Xunta en Ourense na que estivo presente o Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; así como os alcaldes dos municipios.

Estes campos de traballo están pensados para xente entre os 18 e 30 anos repartidos cada un en 20 prazas. Segundo explicou o Conselleiro, Rey Varela, esta iniciativa é unha ferramenta de educación non formal para xente nova. Asegurou que este programa “promove valores coma o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade”. Todos estes campos de traballo son de ámbito internacional.

En canto aos campos. O de Riós é o primeiro que se vai celebrar na provincia, entre o 11 e o 21 de xullo, e terá carácter medioambiental. Nel, os voluntarios realizarán traballos de cultivo de soutos, aproveitamento dos terreos e coñecerán a cultura do castiñeiro. Tamén participarán en obradoiros sobre tradicións, música e mitoloxía popular. Asemade, participarán en dinámicas de grupo e en rutas de sendeirismo.

O de Celanova, do 16 ao 30 de xullo, está centrado no audiovisual. Durante ese tempo, os participantes acudirán a obradoiros prácticos de formación sobre as distintas disciplinas que se conxugan para poder levar a cabo un “audiovisual express”. Deste xeito, realizarán tarefas de redacción de guión, produción, rodaxe, montaxe, posprodución e principios de interpretación. Ademais participarán nalgúns relatorios do curso de verán sobre o audiovisual na Universidade de Vigo.

O medioambiente e o eido social serán os eixos que vertebren o campo de traballo de Ourense, que terá lugar do 1 ao 11 de agosto. Os voluntarios acondicionarán terreos para uso agroecolóxico, o que está enmarcado nun programa para persoas en risco de exclusión social e recibirán formación e asesoramento sobre a comercialización de produtos agrícolas entre outras accións. Asemade, tamén realizarán actividades complementarias que comprenden unha visita ás termas de cidade, baños no río, xeolocalización na urbe así como charlas de carácter social coas entidades colaboradoras do proxecto.

O último dos campos de traballo celebrarase do 2 ao 13 de agosto en Esgos. Na modalidade de campo medioambiental e etnográfico, esta iniciativa permitirá aos participantes limpar e acondicionar a ruta do río Grañal, crear unha páxina web e unha ruta virtual sobre a mesma, elaborar un documental onde se amosarán as testemuñas patrimoniais e etnográficas para a posta en valor desta zona e tamén dinamizarán o Mosteiro de San Pedro de Rocas a través da dramatización da súa historia ao longo do tempo. Os asistentes a este campo de traballo tamén poderán realizar tiro con arco, acudir á piscina, participar en carreiras de orientación ou visitar as termas de Outariz entre outras experiencias.

A sinatura do convenvio realizouse na Delegación da Xunta en Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

Segundo explicou o Conselleiro, Galicia “é a comunidade de España que máis prazas en campamentos e campos de traballo oferta”. En total, dixo, 9.500, fronte ás 2.000 de Andalucía ou as 1.200 de Castela e León. Asemade, asegurou que este ano incrementáronse nun 6% as prazas. En total, a Consellería investirá nesta campaña “D-Verán 2017” 2,9 millóns de euros.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button