DeportesÚltima hora

Esgos-Manzaneda: 2ª etapa da Volta a Galicia, o 19 de setembro

No 2016 desputaranse os campionatos de España de BTT Rallye en Maceda e o de Descenso en Cabeza de Manzaneda
Presentación da XIV Volta Ciclista a Galicia.
Presentación da XIV Volta Ciclista a Galicia.

Do 18 ao 20 de setembro, a Volta Ciclista a Galicia percorrerá as estradas galegas cubrindo un total de 423 quilómetros. A rolda galega por etapas celebra esta tempada a súa XIV edición dende que adquiriu a súa condición de afeccionado e era presentada na mañá do 9 de setembro en Ourense nun acto no que estiveron presentes os presidentes das federacións galega e española de ciclismo: Carlos Muñíz e José Luis López Cerrón, respectivamente; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e o Secretario Xeral para Deporte, José Ramón Lete Lasa.

A Volta arrancará o venres 18 aos pés das Murallas de Lugo. A segunda etapa, o sábado 19, discorrerá entre Esgos e Manzaneda circulando por unha boa parte da Ribeira Sacra cun trazado de 139 quilómetros e final no alto da estación de montaña. Sobre esta etapa, o campión de Europa de BTT, o macedán Pablo Rodríguez, sinalou que “dous portos de terceira, dous de segunda e un primeira son a grande oportunidade para os escaladores e poderían determinar o desenlace da Volta a Galicia 2015”.

A serie concluirá o domingo 20 de setembro en Pontevedra coa etapa máis longa, 148 quilómetros e tres portos de montaña.

A proba contará con dezaoito equipos en liza sendo o Lokomotiv ruso o último en sumarse a unha lista na que xa figuran os sete conxuntos galegos de categoría afeccionado, e destacando o Aluminios Cortizo que dirixe Suso Blanco Villar gañador nas dúas últimas edicións.

Amais da segunda etapa desta XIV Volta a Galicia, a provincia de Ourense acollerá o próximo ano a disputa do campionato de España de BTT Rallye en Maceda, así como o campionato de España de Descenso, que terá lugar en Cabeza de Manzaneda, segundo adiantou o secretario xeral de Deportes.

Artigos relacionados

Back to top button