EconomíaEconomíaÚltima hora

Esgotadas as 800 entradas postas á venda para a XIII Festa do Codillo da Rúa

A cita gastronómica prevista para o 25 de xaneiro homenaxeará a Álvaro Rodríguez "Purre"

Asistentes á anterior edición da Festa do Codillo da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Que as xuntanzas gastronómicas causan furor está máis que demostrado. Non hai máis que mirar a venda de entradas para as dúas de referencia na comarca de Valdeorras. O pasado sábado vendíanse en pouco máis dunha hora as 1.150 postas á venda polo Concello do Barco para a Festa do Botelo que se celebrará o 18 de xaneiro, e hoxe día 15, o Concello da Rúa poñía á venda 800 para a Festa do Codillo, que se esgotaban en 47 minutos.

Dado o éxito da convocatoria, e malia non dispoñer de moito máis espacio, o equipo de Goberno rues estuda a posibilidade de poñer á venda 150 máis. Un dato que segundo adianta o concelleiro de Cultura da Rúa José Vicente Solarat, confirmarán este venres.

O evento gastrónomico por excelencia no concello da Rúa será o sábado 25 de xaneiro seguindo o esquema de anteriores edicións. En torno ás doce da mañá a cita será no Centro Cultural Avenida onde se celebrará a homenaxe do Codillo que este ano será para o fotógrafo rues Álvaro Rodríguez Pérez “Purre”. O apartado musical do acto correrá por conta da charanga Louband que será tamén a encargada de amenizar o xantar, previsto para as 14:30 horas, no pavillón polideportivo Victorino Núñez.

No pavillón será precisamente onde se vexa a gran novidade desta edición da festa. “As mesas estarán personalizadas con títulos de filmes clásicos”, di Solarat, explicando que será a súa particular homenaxe ao Centro Cultural Avenida que xa superou os 250.000 espectadores dende a súa reapertura en abril de 1998. “Ao longo deste tempo, de forma intermitente, proxectáronse máis de mil filmes”, lembra, destacando Un paseo por la nubes con Keanu Reeves e Aitana Sánchez Gijón, o día da inauguración e Siete años en el Tíbet, a primeira cobrando entrada. “Este ano celebraremos un Codillo de Cine, lembrando clásicos como Memorias de África, Rocky, Regreso al futuro, Lo que el viento de llevó,…”, adianta Solarat.

Nesta edición o prezo das entradas subiu a 18 euros pero o que non cambiou foi o menú: consomé con picatostes, codillo con grelos, patacas e chourizo, e de postre bica. Para beber, auga e viño da zona, café e licores.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button