DeportesÚltima hora

España e Italia os países con máis medallas de ouro na primeira xornada da ‘Coupe de la Jeunesse’

O campo de regatas de Castrelo de Miño está recibindo unha moi alta valoración por parte dos equipos participantes

 

Despois da vistosa, concorrida e animada cerimonia inaugural, na xornada do sábado a Coupe de la Jeunesse poñíase en modo competitivo desde primeira hora da mañá. En total, disputábanse 26 regatas a un ritmo frenético, pois o obxectivo era concentralas todas durante a mañá para evitar as altas temperaturas de primeira hora da tarde.

Tal como explican dende a organización, todo funcionou á perfección con relación ao planificado, de tal maneira que ás 14:30 horas entregáronse as últimas medallas da xornada. Puntualidade británica que coincidiu coa nacionalidade dos gañadores da última medalla de ouro.

Gran Bretaña está a impoñer un dominio incontestable nesta Copa da Xuventude, pois con 8 medallas de ouro lidera a proba a unha enorme distancia do resto, polo menos durante esta primeira xornada de regatas. España, con dous ouros e dúas pratas, é xunto a Italia, tamén con dous ouros e tres pratas, o país que máis veces subiu todo o máis alto do podio despois das remeiras e remeiros británicos, o que se notou no alto nivel de satisfacción dos integrantes do equipo nacional.

 

 

Tres das medallas españolas, as dúas de ouro e unha de prata, foron dos equipos femininos. Da importancia das dúas medallas de ouro de España dá conta o feito de que tan só 4 países dos 15 países participantes conseguiron facerse co prezado metal: Gran Bretaña, con 8; España e Italia, con 2; Irlanda e Polonia, cunha medalla de ouro cada un deles. Se nos atemos ás puntuacións despois das 26 regatas de onte, España ocupa o 5º posto na xeral, o 9º nas probas masculinas e o 4º nas femininas (achegamos clasificación por puntos).

Hoxe, dende primeira hora da mañá, estase a celebrar a última xornada da competición, na que volven competir os 15 países participantes, coas súas 120 embarcacións e 250 equipos, unha das participacións máis elevadas da historia desta proba.

 

Artigos relacionados

Back to top button