En portadaÚltima hora

España restablece controis nas fronteiras terrestres

Esta medida entrará en vigor ás 00 horas desta noite e prolongarase mentres dure o estado de alarma

Fronteira con Portugal pasando a Mezquita, na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No marco das medidas de contención do COVID-19 o Goberno de España vén de decretar o restablecemento dos controis das fronteiras terrestres. “Esta medida entrará en vigor ás 00.00 horas desta noite e prolongarase mentres dure o estado de alarma”, segundo fixo público o Ministerio de Interior. “O obxectivo desta medida é protexer a saúde e seguridade dos ciudadáns e conter o coronavirus”, sinala este organismo.

Neste senso, concrétase que “a partir desta medianoite, só se permitirá a entrada no territorio nacional por vía terrestre a cidadáns españois; persoas residentes en España; traballadores transfronteirizos e aqueles que acrediten, documentalmente, causas de forza maior ou situación de necesidade”, segundo o ministerio.

A resolución sinala que esta restrición non se aplicará ao transporte de mercadorías “co fin de asegurar a continuidade da actividade económica e de preservar a cadea de abastecemento”. A medida tampouco afecta ao persoal estranxeiro acreditado como membro das misións diplomáticas, oficinas consulares e organismos internacionais sitos en España, sempre que se trate de desprazamentos vinculados ao desempeño de funcións oficiais”.

 

O ministro do Interior durante a videoconferencia cos ministros do Interior e de Sanidade do resto de países da Unión Europea.

 

Interior indica que deste xeito “actívase o artigo 28 do Código de Fronteiras Schengen, que permite restablecer temporalmente os controis nas fronteiras interiores en situacións como a actual”.

Esta mañá o ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska, participaba nunha reunión por medio de videoconferencia cos ministros do Interior e de Sanidade do resto de países da Unión Europea, onde anunciou a intención de España de reestablecer os controis nas súas fronteiras terrestres.

Durante o encontro Grande-Marlaska recalcou que ante a situación actual “hai que coordinar e harmonizar” as respostas no seo da UE e destacou a necesidade de manter e reforzar “os intercambios de información”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button