CulturaCulturaÚltima hora

O espazo Afundación de Ourense expón a obra de Quessada até marzo

A mostra, que ten por nome “Quessada. sociedade e represión”, foi inaugurada hoxe e homenaxea ao pintor ourensán no décimo aniversario do seu pasamento

A Sala de Exposicións de Afundación de Ourense, na Praza Maior, acolle dende hoxe, 20 de decembro, a mostra “Quessada. Sociedade e represión”. Unha homenaxe do décimo aniversario do pasamento do pintor. Esta exposición estará aberta até o vindeiro mes de marzo e nela pódese ver unha escolma da obra do artista ourensán que inclúe máis de 50 pezas de diferentes estilos e técnicas “pertencentes á década dos 60 e dos 70”, explicou o comisario da exposición e vicepresidente da Fundación Quessada, José Gómez, no acto inaugural de hoxe.

As obras son propiedade de institucións como Afundación, o Concello de Ourense, o Museo Quiñones de León de Vigo, a Universidade de Santiago, ABANCA ou a propia Fundación Quesada.

A presidenta da Fundación, Chus Blanco, dixo estar “moi contenta e emocionada” pola apertura desta exposición. Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, salientou que esta exposición “amosan o compromiso de Quessada contra a tiranía”. Lorenzo referiuse a Quessada como “unha das personalidades artísticas máis prolíficas e universais da historia da arte en Galicia”.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tivo palabras de recoñecemento para artista recentemente falecido, Arturo Baltar, e reiterou que “persoas como el e como Quesada son e seguirán facendo Ourense”.

No acto tamén estivo a comisaria da Fundación Abanca, Maribel Rozas; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button