CulturaCulturaÚltima hora

Espazos Sonoros chega a Valdeorras

Éntoma (O Barco) e Adegas Roandi acollerán a xornada cultural e de lecer o 10 de outubro
Cartaz do ciclo Espazos Sonoros.
Cartaz do ciclo Espazos Sonoros.

A formación de música antiga La Morra abrirá o vindeiro domingo 13 de setembro a oitava edición de “Espazos Sonoros”, o ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura para a promoción e posta en valor do patrimonio histórico a través de concertos e dunha completa programación de actividades, entre as que se inclúen obradoiros de música antiga, faladoiros e visitas guiadas.

Unha desas actividades chegará ata O Barco de Valdeorras o sábado 10 de outubro arredor da paisaxe cultural e natural, de minas e viñedos de Éntoma. En concreto será nas dependencias de Adegas Roandi e arredores onde se desenvolva a xornada de lecer. Música, unha ruta pola natureza,
actividades e obradoiros para afondar no coñecemento da cultura do viño e algunha que outra sorpresa que agardará aos asistentes neste recuncho da comarca valdeorresa.

O percorrido duns 7,84 quilómetros (3 horas de duración) partirá ás 11h. da igrexa parroquial de San Xoán. A primeira parte do itinerario coincide co Camiño de Inverno, do que se separa para ir tomando altura cara aos lugares das Covas e dos Forroxancos. O camiño continúa ascendendo entre viñas ata o miradoiro da Torrizola e, posteriormente, a ruta descende cara ao río Galir, que haberá que cruzar por un pontón de madeira para regresar á aldea, acompañados polo experto e arqueólogo Santiago Ferrer, que ilustrará sobre a paisaxe dun dos extremos máis orientais da xeografía galega.

De volta en Éntoma, celebrarase un xantar (optativo por 8 euros) nas Adegas Roandi e xa pola tarde, en torno ás 16:30h. obradoiros arredor da cultura e dos procesos de elaboración do viño na propia adega.

O programa rematará co concerto do Quinteto Egeria (de instrumentos de arco con sede en Santigao de Compostela) ao abeiro das barricas de viño, que comezará ás 19h.

Artigos relacionados

Back to top button