O barrio ourensán da Ponte celebrou onte o seu día grande de Entroido. Frei Canedo volveu outro ano máis ás rúas desta parte da cidade para rir e pasalo ben cos veciños. Dende as 18:00 horas as charangas e os pasarrúas estiveron animando coa súa música polas rúas para, posteriormente, reunirse con todos os frades na capela situada baixo unha carpa canda á Ponte Romana. Unha vez alí, a comitiva “relixiosa” de Frei Canedo rendeulle pleitesía ao santo máis entroideiro da provincia, e logo comezaron os solemnes actos. Por unha banda, fíxose a presentación do frade, posteriormente fixeron a purificación do lugar co “Potefumeiro”. Nestes solemnes actos, unha agrupación fíxolle as peticións ao frade nas que estivo presente incluso o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, así como diversos contidos de carácter sexual.

Tras toda a cerimonia “formal”, o frade subiu ao paso e foi portado polos lexionarios. Entre a súa comitiva, non podían faltar o clero, cun bispo que foi escoltado baixo palio e, como ben marcan agora as modas, levaba o seu capirote alumeado con led. Tras el, as monxas preñadas do “santísimo” e tampouco podía faltar a nobreza. Tamén houbo unha representación da Guerra das Galaxias, ananos, pitufos e un AVE. A sátira e o humor non faltaron en todo momento a pesares de que a choiva ameazou con quedarse, pero Frei Canedo fixo o milagre e parouna para poder saír.

As risas, a diversión e a música en directo fixo que as xentes do barrio da Ponte se achegase até a avenida das Caldas, dende onde se iniciou o percorrido, para ver o fantástico desfile que percorreu o barrio. Tras iso, os “solemnes comedores” reuníronse na carpa para honrar a Frei Canedo cunha cea medieval na Ponte Romana.

Fotos: Carlos Asensio.