Bolboretas, homes invisibles, pavos reais, Donald Trump construíndo un muro para que non pasen os mexicanos, os anos oitenta, vikingos e moitas personaxes máis tomaron a Avenida de Celanova da Valenzá, en Barbadás, para celebrar a Gran Foliada de Entroido. O sol fixo que os logrados disfraces lucisen durante todo o desfile. A Valenzá quedou sen un só sitio para aparcar, xa que a xente de Ourense e os concellos e parroquias da contorna achegáronse para gozar desta xa consolidada tradición.

Pero este desfile foi unha competición, xa que as xentes traballaron arreo para poder gañar o concurso convocado polo Concello de Barbadás. Segundo o fallo do xurado, os gañadores da categoría “Por parellas” quedou do seguinte xeito: En primeiro lugar, cun premio de 200 euros, quedaron “Los hombres invisibles y sus mascotas”; o segundo premio de 150 euros foi para “Olivia and company”; o terceiro galardón, dotado con 100 euros, foi para “Boda cadáver ultraplástica”. O cuarto e quinto premio, dotados de 75 e 50 euros respectivamente, foron para “Malos de película” e “Monster High”.

Na categoría infantil, o xurado fallou o primeiro premio para “Guerreiro Azteca” no campo de cero a cinco anos, que recibiu un bono regalo de 200 euros. No tramo de seis a 10 anos, o bono regalo de 200 euros, foi para a “Raíña dos mares”. No eido das comparsas o palmarés quedou do seguinte xeito: “Centauros peludos” en primeira posición con 400 euros; “Donald Trump” en segundo lugar con 300 euros de premio; en terceira posición vai “Fantasía en el tiempo”, que recibiron 250 euros; o cuarto premio, dotado con 200 euros, foi a parar para “La última tribu” e, finalmente, o quinto premio das comparsas foi para “Somos reales”, que gañaron 150 euros.

Finalmente, nas categoría de carrozas, o primeiro premio de 500 euros foi para “Lolailo D.F”; en segunda posición (premio de 400 euros) quedaron “Os pavos reais de sempre”; en terceiro lugar quedaron “As Curuxeiras”, cun premio de 350 euros; O cuarto premio foi para “Os des-enchufados”, que recibiron 300 euros; e, finalmente, “Auria canta os trogloditas” recibiron o quinto premio de 250 euros.

Fotos: Carlos Asensio.