As Festas do Cristo recuperan esta xornada que dá protagonismo á comarca con feira e actuacións de grupos locais

Un pouco de todo. Gastronomía, artesanía, pintura, artigos de segunda man,… É o que se pode ver e mercar nos postos que durante todo o día de hoxe, 15 de setembro, permanecerán abertos no paseo do Malecón, no Barco de Valdeorras. Trátase da Feira do Día de Valdeorras, unha iniciativa recuperada este ano no programa das Festas do Criso, na que todo (excepto a orquestra) é orixinario ou ten vinculación coa comarca.

Xa de boa mañá a charanga Os Imparables percorrían as rúas da vila animando aos veciños e visitantes, chegando ás 12h. ata o paseo, onde as concelleiras de Cultura Margarida Pizcueta e de Turismo, Irene Dacal,  xunto a edil de Servizos,  Alicia Álvarez,inauguraban a mostra que permancerá aberta de forma ininterrumpida ata as once da noite.

En total son dezaoito os expositores (casetas de cor vermello e azul) que participan na feira. Alí podemos atopar xoguetes de madeira, pinturas sobre lousa, artigos de segunda man (dende libros ata reloxos, material infantil, etc, ), artigos de decoración e produtos gastronómicos, dende gofres e crepes, ata aceite, pasando por marmeladas e todo tipo de larpeiradas e doces como a bica.

Tamén hai un stand promocional do Barco de Valdeorras, outro da asociación cultural Vagalume e outro da libraría Murciego. Ademais, durante o tempo que permaneza aberta, os que por alí pasen poderán visualizar a través dun video, as imaxes que forman a mostra “O Barco de Outrora” exposta ao longo do casco vello. Entre os artigos curiosos das casetas de segunda man pode verse un dos primieros exemplares do Periódico O Sil, concretamente o nº 2.

O Día de Valdeorras inclúe ademais o espectáculo “A frauta máxica no maxín” de Os Monicreques do Kukas, ás 18h. no Teatro Lauro Olmo; un parque multiaventura á beira do río; e o segundo pase do percorrido teatral “Polos  camiños do tempo” ás 19h.

Hoxe o apartado musical correrá por conta da agrupación de música e baile tradicional Abertal ás 23h. na praza do Príncipe e o festival de grupos locais ás 23:45h. na praia fluvial do Malecón no que actuarán Big Crunh! e The Blanck Wins.

O baile, no campo da festa, correrá por conta da orquestra Costa Oeste.

Fotos: Ángeles Rodríguez.