Ana Pontón Mondelo, candidata do BNG-Nós Candidatura Galega á presidencia da Xunta de Galicia

Entraba no Parlamento galego no 2004, representando ao BNG e convertíndose na deputada máis nova do Hórreo. Doce anos despois, Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977), resultaba elixida voceira nacional desta formación nacionalista (sendo a primeira muller en ocupar este cargo) e, seguidamente, candidata á presidencia da Xunta. Logo de percorrer Galicia na precampaña e nestes días de campaña das eleccións galegas di que “a xente ten ganas de deixar atrás estes anos, que foron moi tristes, moi grises. É necesario abrir un tempo novo e isto vaise manifestar nas urnas o vindeiro 25 de setembro. Vexo moito nerviosismo no PP e iso paréceme un bo síntoma”.

O BNG é o único dos partidos con representación parlamentaria en Galicia que presenta a unha muller como candidata á presidencia da Xunta, ¿como valora iso dende unha perspectiva política?
O feito de que no 2016 se fagan estas preguntas e de que por primeira vez haxa unha candidata en forzas políticas con representación no Parlamento en si mesmo é unha denuncia, un síntoma da desigualdade que existe en toda a sociedade e que tamén está presente na política. É importante que deamos pasos para feminizar a política, a igualdade é un obxectivo fundamental para vivir nunha sociedade democrática. A igualdade é beneficiosa para avanzar, é beneficiosa para que os países progresen e eu creo que sempre foron as mulleres as que tiraron desa loita, desa reivindicación e é importante que estea presente como unha clave bóveda na acción política.

Ana Pontón, antes dun mitin na provincia de Ourense.

Ana Pontón, antes dun mitin na provincia de Ourense.

¿Por que estas eleccións galegas son máis importantes que outras?
Porque levamos oito anos dunha profunda crise económica cun grave deterioro das condicións de vida, dos servizos públicos, das posibilidades do país para xerar emprego e creo que neste momento o que necesitamos fronte ao fracaso das políticas da dereita é apostar por un cambio real. Eu parto de que debe ser un cambio que teña como base a confianza nas potencialidades que ten Galiza, nos seus sectores produtivos, na innovación, na súa xente, porque esa é realmente a maior rebeldía que se pode ter neste momento: tomar o control sobre os nosos recursos e escribir unha nova páxina da nosa historia que nos permita avanzar e progresar.

Despois dos anos que leva como parlamentaria, ¿que peso cre que tivo ata agora a provincia de Ourense no goberno galego?
É unha zona interior claramente marxinada no deseño, non só da Xunta de Galiza, senón tamén nos deseños que con carácter global se fixeron para o conxunto do país onde hai unha Galiza que non medra, pero dentro desa Galiza hai unhas zonas inferiores, como é Ourense, claramente discriminadas. O problema fundamental é que non hai un goberno que teña visión de país, porque a min sempre me pareceu que Ourense é un lugar con moito potencial polo seu patrimonio natural, porque produce enerxía eléctrica, porque ten capacidade para desenvolver un sector turístico sustentable, diferente… Paréceme incrible que unha provincia con tanto potencial estea nos peores rankings dende todos os puntos de vista. Creo que o PP se beneficia do escaso desenvolvemento económico que ten Ourense porque lle permite manter unha rede caciquil.

A candidata do BNG á presidencia da Xunta xunto a Noa Presas, cabeza de lista por Ourense, e Tareixa Paz.

A candidata do BNG á presidencia da Xunta xunto a Noa Presas, cabeza de lista por Ourense, e Tareixa Paz.

¿Que medidas inclúe o BNG no seu programa para darlle a volta á situación da provincia?
En Galiza temos que facer unha aposta moi forte polo desenvolvemento dos sectores produtivos vinculados coa innovación. E naquelas partes de territorio que están cunha crise máis prolongada e máis profunda son necesarios plans comarcais específicos que, atendendo ás particularidades de cada lugar, poidan aproveitar as súas potencialidades para desenvolverse. Tamén é necesaria unha forte inversión pública que supla a falta de impulso do ámbito privado nestes territorios e, ao mesmo tempo, que apoie a creación de emprego e o asentamento de poboación. Unha das medidas que levamos no programa, e que a min me parece que sería moi interesante para moitas das zonas de Ourense, é a necesidade de potenciar e darlle impulso a unha renda para aquelas persoas que viven no rural, que traballan e que fan custodia do territorio. Socialmente temos que compensar á xente que está vivindo nestes espazos xa que é moi importante o seu labor porque se se desertizan van acabar sendo pasto do lume e teremos unha destrución de riqueza. Ademais Ourense conta con moito potencial no aproveitamento do monte, do sector turístico e do seu patrimonio. Esta provincia é unha gran descoñecida para a maior parte dos galegos/as.

Das cinco denominacións de orixe galegas, catro están en Ourense. O BNG propón unha lei do viño…
Falamos dunha lei do viño, de que debe haber medidas de impulso. O primeiro é que non se poña en risco o que conseguiron as denominacións de orixe, porque hai normas que se están negociando, como o tratado de libre comercio cos EEUU, que supoñen unha ameaza para as nosas denominacións. Cremos que é fundamental apostar por viños de calidade, co feito diferencial de onde se producen, que hai que ter un maior diálogo co sector e garantir uns prezos xustos, tanto para produtores como para adegueiros. Tamén é esencial que haxa unha estratexia de internacionalización dos nosos produtos porque, aínda que podemos abrir moito o mercado interior, é certo, vímolo coa crise, que ou internacionalizamos as nosas empresas para salvagardar a súa produción e os postos de traballo ou senón imos ter unha debilidade maior para os viños de calidade que elaboran neste momento en todas as denominacións galegas e, en particular, as de Ourense.

Ana Pontón, intervindo no mitin de Ourense.

Ana Pontón, intervindo no mitin de Ourense.

En exportación un dos sectores clave na provincia de Ourense é o da lousa, ¿como cre o BNG que debe plantexarse o futuro desta actividade extractiva?
O sector da lousa ten un importante impacto ambiental pero efectivamente xera moitos postos de traballo e, polo tanto, hai que buscar un equilibrio para facer unha explotación sustentable dos nosos recursos. Un dos problemas fundamentais de moitos destes sectores extractivos é a aplicación da innovación, de cómo se pode facer a transformación deses produtos, que está nunha fase moi precaria. Se apostaramos máis por esas segundas transformacións, por produción de maior calidade, poderiamos reducir o impacto, porque non estariamos falando tanto de cantidade como de calidade e xerariamos máis riqueza e emprego. Creo que é un dos grandes retos que hai e, sobre todo, que se pode mellorar moito todo o que son impactos ambientais.

Ademais de sectores  como o viño, o forestal… ¿que lugar pode ter a cultura como sector a desenvolver no medio rural?
A cultura é un elemento clave, primeiro por cohesión social, por desenvolvemento persoal, porque está demostrado e constatado que a cultura fainos máis libres, máis felices e persoas máis formadas. E nun país como Galiza temos unha cultura propia que xera moito emprego ao seu redor e tamén debe ser un elemento que potencie o noso orgullo como pobo. Nestes últimos anos vimos como a cultura esmorecía, sen ningún tipo de alternativas, e como unha parte tamén do noso patrimonio esmorecía mentres se seguía engordando o monstro da Cidade da Cultura. Tanto no que se refire a potenciación na cultura de base, como no ámbito xa da cultura como industria, ou no desenvolvemento do noso patrimonio, hai moita riqueza que podería xerar emprego se houbera un goberno disposto a facelo. Nós cremos que esa debe de ser unha aposta estratéxica.

O BNG propón unha tarifa eléctrica galega, ¿en que consiste e que suporía para unha provincia con multitude de encoros como é Ourense?
A tarifa eléctrica galega é unha proposta para democratizar os beneficios da enerxía e evitar o expolio que se produce no noso país. Nós non estamos tendo ningunha vantaxe polo feito de ser produtores de enerxía, a pesar de que temos uns impactos sociais e ambientais moi importantes polos encoros no caso da provincia de Ourense que son coñecidos… Son as grandes empresas as que se están beneficiando dun ben que realmente é un patrimonio de todos os galegos/as. Nós propoñemos que, dado que é máis barato suministrar enerxía onde se produce, o lóxico sería que en Galiza tiveramos unha tarifa máis baixa. Hai unha tarifa unitaria no Estado español, que por certo é unha herdanza do franquismo, que supón que nós esteamos pagando os custos de levar a enerxía a Madrid ou a Andalucía, a lugares onde non producen, e iso non deixa de ser un sen sentido. Para min o máis sangrante é que no caso do Estado español os vascos conseguiron unha tarifa máis barata para as súas empresas mentres que en Galiza o goberno galego non quere falar absolutamente nada diso. Cremos que esa debe ser unha medida universal para as nosas familias e empresas que significaría un incentivo para a instalación de actividades económicas fundamental porque ese é hoxe un dos elementos que condiciona onde se instalan determinadas empresas ou non. Sería unha vantaxe importante para poder desenvolver industria no noso país e é simplemente unha cuestión de vontade política. ¿Que pasa? que eu creo que a algúns lles pesan máis os intereses das direccións dos seus partidos estatais, onde vemos como logo hai unhas portas xiratorias coas eléctricas, que defender o dereito do pobo galego a poder beneficiarse da produción de enerxía.

Pontón, xunto a outros membros da candidatura do BNG na provincia, ao inicio do mitin na cidade de Ourense.

Pontón, xunto a outros membros da candidatura do BNG na provincia, ao inicio do mitin na cidade de Ourense.

Tendo en conta os resultados das enquisas que están saíndo, ¿cre que realmente Ourense pode ser unha provincia clave á hora de determinar a maioría absoluta ou non do PP?
Creo que as enquisas nos últimos anos non deron nin unha, podemos ir ás xerais, podemos ir ás municipais… un fracaso absoluto. Son instrumentos para incidir no voto. A enquisa que vale é a do 25 de setembro. O que é certo neste momento é que as enquisas indican que quen lle pode desputar a maioría ao PP son os escanos que ten en xogo o BNG. Polo tanto eu digo que as persoas que queiran un cambio e que dubiden neste momento a quen van a votar, que voten polo BNG porque é útil para acabar coa maioría do PP, pero tamén o máis importante, é útil para que haxa un cambio real, porque nós temos propostas para mudar as cousas, para transformar en positivo, porque non chega cun recambio, nós queremos un cambio real.

¿O BNG apoiaría un goberno alternativo de esquerdas en Galicia?
Estou case convencida de que ningún galego/a dubida de que o BNG, se hai unha oportunidade de pasar a páxina negra do PP, vai estar aí. Sempre, claro, dicindo que os votos do BNG se van a utilizar para que as cousas cambien e non para que sigan igual.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella