Mércores de cinza sempre é sinónimo de tristeza. O Entroido marcha até o ano que ven e é tempo de enterrar á sardiña. Os lamentos sentíanse na cidade por toda a zona vella. Centos de viúvas (e viúvos) concentráronse na Praza Maior da cidade para chorarlle á sardiña. A comitiva funeraria, presidida polo “párroco” tomou camiño pola rúa do Paseo; as viúvas choraron os sete chorares por toda esta vía, e logo subiron pola rúa Bedoya, canda ao Parque de San Lázaro. “Chorade!”, berraba o párroco.

Finalmente, a sardiña volveu a unha ateigada Praza Maior. Os operarios subiron ao peixe a unha maqueta da Ponte Romana para que, finalmente, sufrise o seu triste destino de morrer queimada. As pirotecnias comezaron a funcionar e pouco a pouco a sardiña foi desaparecendo entre as lapas e os lamentos das viúvas. A traca final saíu do tellado do edificio consistorial cun espectáculo pirotécnico. “A capital do Entroido” puxo así punto e final aos festexos até o ano que ven.

Fotos: Carlos Asensio.