As imaxes de Xesús, a Virxe e San Xoán xuntáronse na praza César Conti nun emotivo acto

A falta dun par de mozos que completaran o grupo de costaleiros necesarios para levar a San Xoán, estivo a punto de impedir que saíse a imaxe, pero finalmente varios homes ocupaban os postos e coa ameza da chuvia (que finalmente respectaba o percorrido) comezaba a procesión Vía Crucis do Encontro na parroquia ruesa de Santo Estevo.

Primeiro a imaxe de San Xoán a ombros de oito costaleiros con túnicas vermellas. De seguido a imaxe da Dolorosa a ombros das mulleres de loito. E por último a imaxe de Xesús Nazareno coa cruz ás costas camiño do Calvario a ombros dos costaleiros con túnicas moradas. Os tres pasos percorrían na mañá do 30 de marzo boa parte da Rúa Vella  no acto co que a parroquia de Santo Estevo abría o Venres Santo. Despois, as tres imaxes xuntábanse na praza César Conti, protagonizando un dos momentos máis emotivos da Semana Santa nesta parroquia ruesa: o encontro da Virxe co seu fillo, en presenza de San Xoán, antes de ser crucificado.

Os actos en Santo Estevo continúan esta tarde do Sermón das 7 Palabras, Desencravo e Procesión do Santo Enterro.

Foto: Mónica G. Bellver