A I edición do Torneo BMX, Skate & Scooter reuníu no Skatepark do Barco a numerosos afeccionados

Máis aló de modalidades deportivas como o fútbol, o atletismo ou o baloncesto, os deportes extremos como o skateboard teñen en Valdeorras os seus seguidores. E boa mostra diso son os usuarios do Skatepark Municipal do Barco no que moitos rapaces pasan horas practicando.

Da man deses usuarios, especialmente de Christian Pombo e Iván Tato, nacía o Legume Jam, o I Torneo de BMX, Skate e Scooter que se celebraba na tarde do venres 15 de setembro, en plenas Festas do Cristo do Barco. Unha cita á que acudían numerosos afeccionados. Uns instalados ao redor do recinto, como espectadores. Outros na pista, poñendo a proba as súas habilidades co scooter, o skate ou a bicicleta. Os lugares de orixe, do máis variado: dende O Barco ou A Rúa, ata A Coruña, Caldas de Reis, Ponferrada, Madrid, Cantabria, Málaga e mesmo Londres. As idades, tamén moi variadas: do máis pequeno de apenas 8 anos ata o maior con 26.

 

Un dos participantes na modalidade de skate.

Un dos participantes na modalidade de skate.

Co propio Christian Pombo como espiker, despois de formalizar as inscricións e tralas pobras de quecemento, comezaba a competición na modalida de scooter. Con 14 participantes divididos en grupos, os rapaces deron boa mostra das súas habilidades. Uns meros afeccionados, outros semiprofesionais. E o público aplaudindo cada pirueta e cada salto.

De seguido tocáballe o turno á modalidade de skate, na que participaban 9 deportistas, algúns deles verdadeiros profesionais, que demostraron a sáu técnica. Os últimos e os máis espectaculares foron os 7 participantes na modalidade de BMX (Bicycle Motocross).

Pirueta cun scooter.

Pirueta cun scooter.

Na organización da competición colaboraron varias empresas locais e os trofeos, que se entregaban pasadas as nove da noite e despois de tres horas de exhibición, foron obra do propio Christian Pombo. “Gústame facer cousas coa madeira”, aseguraba antes de adiantar os nomes dos gañadores.

Na modalidade de scotter, o primeiro premio foi para Hugo Vega de Ponferrada; o segundo para Adrián Suárez tamén de Ponferrada; e o terceiro para Antón de Caldas de Reis.

Con respecto á modalidade de skate, o primeiro clasificado foi Andrés “Gelo” de Ponferrada; o segundo, Borja “Pulga” de Fontei; e o terceiro David Corcoba do Barco.

Christian Pombo en pleno salto.

Christian Pombo en pleno salto.

E xa na modalidade de BMX houbo premios para todos os paricipantes. O primeiro foi o marroquí Haitam Taqy de Málaga; o segundo, David “Carracha”, o terceiro Samuel Carrera, o cuarto Christian Silva e o quinto Óscar Pombo, os catro do Barco. O sexto clasificado foi Marcos González de Ponferrada e o sétimo David López de Londres.

Ante o bo desenvolvemento da proba que para Christian “foi como un día normal no que o pasamos ben”, os organizadores aseguran que o Legume Jam terá continuidade. “Nas Festas de Santa Rita probablemente faremos unha exhibición e xa no Cristo do ano que vén outra competición”, adianta Pombo.

Fotos: Carlos G. Hervella.