O escultor verinense Fernando Barreira é o encargado de realizar tanto os trofeos do concurso coma o deseño artístico da sala principal do auditorio

Pouco a pouco vanse desvelando os secretos do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín, que se celebrará do 5 ao 11 de decembro contando “cunha aportación de luxo nesta primeira edición”, aseguran dende a organización, no que “un profesional local porá o broche de ouro ao certame cunha mostra de arte verinense de primeiro nivel”.

Un momento da rolda de prensa coa concelleira de Cultura, o artista plástico e o director do festival.

Un momento da rolda de prensa coa concelleira de Cultura, o artista plástico e o director do festival.

O artista plástico Fernando Barreira foi o encargado de realizar os trofeos que serán entregados, xunto co premio en metálico, no acto de clausura do certame; así como o deseño artístico da sala principal do auditorio, un dos espazos nos que se desenvolverá o festival (o outro é a Casa da Cultura). Así o anunciaban na presentación que tiña lugar na mañá do 17 de novembro, nun acto que contou coa presenza de Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín e coordinadora xeral do evento; Carlos Montero, director do festival e responsable municipal de comunicación; Fernando Barreira, artista multidisciplinar verinense; e Xosé Lois Santiago, director de produción do festival. Todos  agradeceron “o esforzo, a amabilidade e o inestimable apoio incondicional e altruista que, dende o minuto cero, está ofrecendo o artista na organización do evento”.

Os trofeos deseñados en bronce por Fernando Barreira.

Os trofeos deseñados en bronce por Fernando Barreira.

Os trofeos que a organización entregará como premio ás sete modalides a concurso (Mellor Curtometraxe das categorías de Emigración, Entroido ou Frontera; Mellor Guión; Mellor Actor; Mellor Actriz;  e Mellor Director) foron deseñados en bronce por Fernando Barreira. Segundo o seu creador, “a idea nace coa intención de que o festival teña un premio de calidade”.

O artista, que conta cuna ampla traxectoria profesioanl, encargouse asemade de deseñar, en cerámica, os trofeos para o Premio do Público e o Premio honorífico Vía XIV. Ámbalas dúas pezas, unha rematada en ton dourado e outra con tons  marróns “son pezas únicas”, asegura o escultor.

Os trofeos en cerámica para o Premio do Público e o Premio honorífico Vía XIV.

Os trofeos en cerámica para o Premio do Público e o Premio honorífico Vía XIV.

O obxectivo do festival, que conta cos dereitos do deseño do premio en bronce por catro anos, é “dar o relevo a outro artista local e así potenciar aos talentos emerxentes de Verín, filosofía base do certame”, aseguran dende o equipo directivo.

Fotos: Zulima Fernández