O director verinés Plácido Romero presentou o seu documental “Fronteiras de enerxía animal”

O Festival Internacional de Curtas de Verín continúa o seu percorrido. A xornada de hoxe mércores 7 de decembro comezaba ás 10 horas no Auditorio Municipal, coa proxección ao longo de toda a mañá, de curtametraxes para nenos, co obxectivo de facer chegar o cine e o espírito do festival aos pequenos da casa.

Xa pola tarde, Plácido Romero, director do documental “Fronteiras de enerxía animal” e a coordinadora xeral do Festival, Emilia Somoza, daban unha rolda de prensa na que  ademais de informar das actividades do día,  Romero falou da súa propia película destacando o papel fundamental que xogou o ex profesor José Luis Darriba na súa paixón polo audiovisual. O director confesou que se sinte “moi satisfeito” coa realización desta iniciativa en Verín.

E xa a partires das seis da tarde tiña lugar  no Auditorio Municipal o foro audiovisual sobre  as fronteiras, un dos eixos do festival. Moderada por Aser Álvarez, produtor executivo, director e guionista de Arraianos Producciones, xente dun lado e doutro da fronteira verinesa debateron sobre ampla materia, poñendo enriba da mesa a súa particular visión do tema.

Ademais, continúa a vídeo mostra, iniciada onte, con imaxes dos refuxiados da man de Carlos Folgoso.

Participantes no foro sobre as fronteiras.

Participantes no foro sobre as fronteiras.

Con respecto ás proxeccións, a partires das 20.30h, o Auditorio Municipal de Verín acollerá a proxección de seis curtametraxes que tratan como tema principal o Entroido: “Ikal”; “Taller de corazones”; “El quimérico espectáculo de los Bizzaneli”; “Cruel perdón”; “Dieciocho”; e “Briue Gallagan”.  Ás 22:15h. terá lugar a proxección doutras seis curtametraxes, centradas nun dos temas claves do festival: a frontera: “Wut”; “El Pozo”; “Naara”; “Por eso no tengo hermanos”; “A prueba”; e “O merino do dente de ouro”.

Ás 20 horas inícianse as proxeccións na Casa da Cultura con 8 pezas de temática de frontera: “Añadir contactos”; “El dibujo”; “Fronteiras de enerxía animal”; “O Rebelde”; “Polo”; “Restart”; “Sintu latido”; e “Vosotok”.  E xa ás 22:15 horas inicíase unha serie de curtametraxes sobre a emigración: “Share o no share”; “Kamishibai”; “Stalingrado”; “The heat wave”; “17 años juntos”; e “Donde caen las hojas”.