Unha corentena de nadadores de diferentes idades participaron nesta edición especial do chapuzón festivo que abríu o día grande das Festas do Cristo

A previsión meteorolóxica anunciaba auga e baixada de temperaturas para o 14 de setembro, día grande das Festas do Cristo no Barco de Valdeorras, pero non se cumpriron. Polo menos o da chuvia porque ás oito da mañá, precisamente calor non facía.

Aínda así, o 25 aniversario do Madrugón, a tradicional baixada a nado entre A Capitana e O Malecón barquense, foi todo un éxito. En torno ás corenta persoas, de diferentes idades (incluso había un can) participaron nesta edición especial na que primou o bo ambiente e o humor.

Despois de percorrer os 300 metros dende o punto de saída e a meta, os valentes nadadores que retaron ao frío e ao sono despois dunha noite de festa, vestíanse e dispoñíanse a almorzar (algúns entraban en calor cun groliño de licor de café). O lugar elixido, unha vez máis o Cafetín, onde xa ataviados co polo (xentileza do Concello por participar) no que reza “Eu fixen o madrugón” todos compartiron un bo chocolate con churros. Tamén se entregaron os premios e agasallos, entre eles o dos gañadores (un ano máis Pablo Israel Rodríguez e Grit Hagen) e o do grupo máis numeroso (membros do Club Adas Natación).

Entre os asistentes á festiva proba de natación que o Periódico O Sil leva apoiando dende os comezos, non faltou o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, que leva vinte anos participando, nin tampouco membros da Policía Local, para controlar que todo se desenvolvese sen incidencias.

Fotos: Carlos G. Hervella.