As Eiroás estivo de celebración. O evento do ano neste barrio ourensán congregou aos veciños para festexar o casamento entre Gumersinda de Benavides e Manuel Guimarey. Parece que a choiva é algo que vai moi asociado á tradición deste casamento pero, aínda así, os veciños animáronse porque “unha festa é unha festa”, aseguraron moitos. A cerimoña comezou coa lectura do prólogo por parte do pregoeiro e, tras iso, o cura pasou polo público para “pedir unha axuda para a parroquia”. Antes de dar paso aos contraentes, o señor cura díxolle aos convidados que non tirasen arroz “que manchades todo, mellor deixádeo na sacristía que xa fago eu unha paella”.

Finalmente “os noivos” (é literal porque eran dous homes, un deles travestido) subiron ao altar para contraer matrimonio pero, problema, cando o Cura preguntoulles se xa se coñecían a “noiva” dixo o seguinte: “claro que si, coñecémonos no palleiro do Sito”. “Escándalo, herexía!” berrou o Cura, “están en pecado”, dixo, polo que negouse a oficiar o casamento. “E agora que facemos?”, dixo Manuel Guimarey levándose as mans á cabeza.

Foi neste momento cando o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, acompañado da súa “alegre” dona Melania entrou en escena e foron recibidos apupados polo público xa que Trump dixo o seguinte: “Ustedes hispanos son mala xente, pero o presidente Mariano Rajoy di que todos sodes boas persoas cando empeza o Entroido”. Asemade, o presidente estadounidense asegurou que “os galegos sodes moi bos facendo marcos, muros, lindes e cercos” e por iso asegurou que entre a fronteira entre o seu país e México “vou poñer un marco grande e na Casa Blanca vou pór un cortello para coellos”, asemade, anunciou “en primicia para todos os galegos”, que vai cambiar as estrelas da bandeira dos Estados Unidos por “percebes”. Tras o discurso presidencial, Manuel Guimarey pediulle a Trump en “galenglish” que, por favor, lle axudase a que o cura entrase en razón e oficiase o casamento. O presidente ordenoulle á súa muller Melania que sacase “o botón vermello” e Trump ameazou con pulsalo e mandar un mísil nuclear que destruiría Eiroás. Finalmente, ante tal ameaza, o Cura accedeu a celebrar a cerimonia e as Pitas de Eiroás puideron tirarlle ovos cheos de millo aos noivos.

A celebración rematou cun enorme banquete, no que comeron todos os veciños e os noivos, e logo bailaron a ritmo de charanga e logo queimaron o meco.

Fotos: Carlos Asensio.