A dramaturga e docente Ánxeles Cuña Bóveda encabeza a lista de En Marea pola provincia de Ourense

Está convencida de que é momento de “remar para que haxa unha transformación. Temos unha provincia riquísima en todos os sectores, produtiva, chea de talento e de vitalidade; pero que é a máis pobre de España polo abandono”. E o único lugar dende onde “realmente se pode cambiar a situación é o Parlamento galego”. Por iso hai unhas semanas a dramaturga Ánxeles Cuña Bóveda (Pontevedra, 1957) tomaba a decisión de deixar a súa “paixón e vocación” no ensino e no teatro e de formar parte, como cabeza de lista, da candidatura de En Marea pola provincia de Ourense ás vindeiras eleccións galegas do 25 de setembro.

Logo dunha longa e comprometida traxectoria no mundo cultural, asociativo, docente… esta é a súa primeira incursión no mundo da política, ¿por qué nestas eleccións galegas e por que con En Marea?
Sempre digo que espertei de nova a conciencia, pero que a vou alimentando cada día e paréceme que esta é unha oportunidade única, un momento histórico porque nos xogamos o futuro. E entreo en En Marea porque creo de verdade que é unha alternativa diversa e plural, como diversa e plural é a sociedade; que é unha alternativa que me convence polo que ten de igualitario, de transparente, de participativo, de busca de democracia real e porque están os tempos para acabar con tanta sangría, con tanto recorte e con tanta aldraxe, mentira, pobreza… Vivo en Ourense, amo Ourense e amo a Galicia. E Ourense é a provincia máis pobre de España, sendo unha das máis ricas e iso ten unhas causas políticas. Entón onde se poden mudar realmente as cousas é no Parlamento, por iso decidín dar o paso e fágoo con toda a conciencia e con todo o compromiso. Creo que son unha persoa honesta, honrada, con moita capacidade de traballo e que podo aportar algo. Pero o mérito non é meu, senón de tanta xente que leva loitando para que isto cambie, e iso é a confluencia, unha aposta por un país máis xusto, que en definitiva é o que queremos todas e todos os que estamos nesta nave.

A cabeza de lista ourensá por En Marea, durante un mitin.

A cabeza de lista ourensá por En Marea, durante un mitin.

Neste mes e medio que leva en En Marea, tanto na precampaña como agora na campaña, con moitos actos, moitas viaxes, encontros… ¿a situación da provincia que está atopando é a que xa coñecía ou está descubrindo outra realidade?
Estou abrindo máis os poros a sectores que simplemente descoñecía, pero que tamén sensibilizan. A parte do ensino e da cultura, tamén estou pola defensa das mulleres e do social, porque vivo a realidade. Dende espazos como o ensino ves todas as problemáticas: ves a desestruturación familiar, á xente que vive o desemprego, á que está en perigo de exclusión real… Por iso compartes a idea de que o primeiro é loitar contra a pobreza e poñer medidas porque o feito de que esteamos así ten causas e a causa fundamental é o abandono da política. E con respecto a esas realidades que ao mellor coñezo menos, é que son moi importantes, estamos escoitando moitísimo, como esponxas, cales son as súas necesidades reais. Poño exemplos concretos. Imos falar cos colleiteiros e vemos que hai viñas da época dos romanos. En calquera outro país do mundo iso sería moi dimensionado porque contamos con riqueza e con diversidade de cepas, en cambio aquí vemos que non hai relevo xeracional, entendes o por qué e ves que hai solucións. Eu teño vendimado no Ribeiro, pero descoñecía a problemática. Entón estamos escoitando e tamén entendendo que cando se fala de participación non se trata de delegar o voto nos representantes, senón de traballar con eses colectivos, de dar contas e seguir falando con eles. Por poñer outro exemplo, hai uns días foi moi interesante falar cunha muller gandeira, tendo en conta que as mulleres no rural teñen dupla problemática, por mulleres e máis valentía por enfrontarse a un mundo que está sendo tamén atacadísimo. Vemos que hai xente que está vendendo o leite por debaixo dos niveis de produción, que é terrible, cando hai riqueza e somos produtores. Necesitamos que nos deixen producir ben e poñernos no nivel que merecemos. En Marea aposta claramente polo rural, e Galicia é rural, Ourense é rural. Un país sen o rural non é.

Esta é a primeira incursión na política desta dramaturga e docente.

Esta é a primeira incursión na política desta dramaturga e docente.

¿Que propostas recolle o programa de En Marea para pór en valor ese potencial que ten a provincia, mellorando así a súa situación e freando a perda de poboación, o envellecemento…?
Favorecer as empresas e o comercio de proximidade, dotar de recursos á xente, a comarcalización, á búsqueda da cooperación, tamén dos recursos económicos que veñen da UE que se poden canalizar doutro xeito, da mesma maneira que dotar de servizos públicos a todo o rural. E, cando falamos de servizos públicos sempre falamos de que é prioritario que os nenos do rural teñan o dereito a ser escolarizados en galego e en calquera aldea, en calquera lugar, e que existan comedores escolares, que a xente maior teña as axudas que merece, con políticas que tamén poden xerar emprego, de equipos do social, con educadores… O tema xeracional tamén ten que ver con esta cantidade de xente de 25 a 45 anos que está fóra por iso son necesarias políticas de retorno, con dotación económica que permita o seu regreso porque se marchan a produtividade é mínima. En Ourense están as pensións e as axudas sociais máis baixas de España, a poboación que máis emigrou e todo… Isto hai que revetelo e transformalo. Sen embargo, o que se está facendo é especular coa auga, coa enerxía eléctrica, especular con todo, entón prioricemos á xente máis necesitada e traballemos con e para esas persoas que están neste segmento de perigo real.

Ánxeles Cuña nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil.

Ánxeles Cuña nun dos momentos da entrevista co Periódico O Sil.

A cidade de Ourense está considerada dende sempre unha zona culturalmente importante en diversos eidos como a literatura, o teatro,… ¿pero que pasa co resto da provincia? ¿a cultura pode servir tamén para xerar valor engadido e economía no resto da provincia?
Si, valor engadido e economía, dixeches ben e, ademais, como o que queremos é algo para o común, non cremos nunha cultura de elite. A cultura é a máis machacada de todos os sectores, co 55% de recortes. Iso afecta ás condicións laborais dos traballadores da cultura duramente, que tamén están nesa franxa moi desequilibrada; pero afecta, sobre todo, a un dereito universal, que é o dereito ao acceso á cultura, porque a cultura fainos máis libres, ten que ver cos sinais de identidade, e tamén, igual que o ensino, con algo transversal que está por riba de todo, que é a defensa da lingua como dereito, nin máis nin menos que as outras. Con respecto á cultura de base, nós estivemos no Carballiño onde hai máis de 30 asociacións culturais, isto é unha riqueza. No Barco hai tamén movemento cultural. Entón trátase de traballar a cultura de base, e simultaneamente dignificar a cultura profesional e aos artistas, que son moitos e boísimos e valiosísimos en todos os sectores. En Ourense hai concellos modélicos como Vilar de Santos e Manzaneda, que están facendo cultura e están atendendo aos servizos sociais que non atende a Administración á que lle corresponde. Son modelos que nos dan esperanza de que se isto se fai debidamente e se distribúen ben os recursos económicos, isto muda e esa riqueza que temos pode aflorar. Somos ricos aínda que nos están empobrecendo. Por iso hai que acabar coa especulación, con que todo sexa negocio, fronte a iso está a defensa do público e do rural.

¿De que maneira pensa que se pode traducir o apoio a En Marea nas urnas na provincia?
Francamente creo que hai Marea e que a Marea está nun momento moi alto. As enquisas están aí, pero poden variar, dan eses niveis tamén porque funciona moito o coidado, ese inmobilismo, o medo… Estigmatízannos e iso é falso. Somos diversos e plurais, pero temos competencia, coherencia, temos xente moi ben formada e un programa sólido. Estou convencida de que esta semana é clave para esa porcentaxe de xente que ten que decidir e que aínda non sabe qué facer. E Ourense é chave porque é a provincia que pode inclinar a balanza a unha maioría absoluta ou non. Espero que os cidadáns esperten, que a xente que ten conciencia e que é honrada, que é moita, e que está desencatada e ten motivos, reaccione en positivo. Espero que non deixe pasar a oportunidade e que realmente se molle. Todo vai depender destes días que faltan para o 25 de setembro.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella