O Fulión de Pombariños, precedido polas súas Mázcaras, enchía de son e cor as rúas da parroquia na tarde do Domingo Gordo

 

Dende Cimadevila ata a Corredoira. O Touro, as Mázcaras e o Folión de San Martiño (Manzaneda) realizaban unha longa e intensa ronda pola parroquia, na que se ían detendo para descansar e probas os doces e as bebidas coas que eran agasallados polos veciños.

O traxecto concluía ao redor das sete da tarde do Domingo de Entroido na nave da Cooperativa Amarelante. Unha vez alí, cesaba o son dos bombos, aixadas e gadañas, así como as carreiras do Touro e dábase paso ao humor con forma de verso ante un multitudinario público.

Sobre o escenario, un presentador ía dando paso a unha serie de pezas teatrais en clave satírica que comezaban coa loita entre o Touro e o Toureiro, na que se impoñía este último. Logo viña o testamento do touro, no que se distribuían de forma irónica cada unha das partes deste animal entre os veciños, e, a continuación. unha serie de parodias con temática amorosa, política e mesmo social e familiar, pasando polo frenético baile dunha negrita.

As representacións da Fuliada de San Martiño concluían con todos os actores sobre o escenario mentres soaba a corna.

Fotos: Ángeles Rodríguez