A festa das piraguas encherá e público as beiras do Sil, entre Sobradelo e O Barco, a partires das seis da tarde do 16 de setembro

 

 

Dende Sobradelo ata a praia fluvial do Malecón (O Barco), o río Sil vibra ao ritmo das piraguas. Multitude de persoas enchen as súas beiras cada mes de setembro para non perder detalle dun espectáculo deportivo de alto nivel, con algúns dos mellores padexeiros do panorama nacional e internacional, pero sobre todo, para contaxiarse dunha celebración moi especial que se complementa cun descenso alternativo, cheo de notas de humor e disfraces.

Custaría imaxinar as Festas do Cristo sen o Descenso do Sil “Memorial Julián Trincado”. Son xa 51 anos os que esta proba deportiva leva ligada ao Barco. É un dos principais referentes deportivos do seu programa e atrae cada ano a milleiros de espectadores de todas as idades.

 

Un dos momentos da pasada edición do descenso no tramo do río Sil nas proximidades das Casas Baratas (O Barco).

Un dos momentos da pasada edición do descenso no tramo do río Sil nas proximidades das Casas Baratas (O Barco).

 

Desta volta a cita será o 16 de setembro. Como de costume, o tren fluvial ofrecerá a oportunidade de comezar a empaparse do ambiente festivo. A súa saída está prevista ás 17:30h. na estación do Barco. Xa en Sobradelo, ás seis da tarde, augas abaixo da ponte, comezarán a darse as saídas por categorías ante un numeroso público. Entre os participantes haberá unha numerosa representación do Club Fluvial O Barco. Dentro dela estará Jesús Rodríguez León que loitará por facerse cunha nova vitoria consecutiva na casa.

A meta situarase, como cada ano, na praia fluvial do Malecón do Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella.