O día grande das festas arrancará coa baixada a nado ás oito da mañá, dende A Capitana ata O Malecón

Non se trata dunha competición propiamente dita, aínda que todos queren gañar pero si dunha cita ineludible e tradicional, que marca o comezo do día do Cristo no Barco de Valdeorras, a xornada central das festas que se estenderán ata o 17 de setembro con infinidade de actividades tanto culturais como lúdicas e deportivas.

Precisamente a medio camiño entre o apartado lúdico e o deportivo está o Madrugón, a carreira a nado polas augas do río Sil prevista para o xoves 14 de setembro ás 8 da mañá que este ano celebra o 25 aniversario. Cos albores do día, antes das primeiras luces, os participantes (uns recén levantados, outros chegados directamente dunha noite de festa), concentraranse no punto de saída, A Capitana, para comezar a carreira que os levará río abaixo, por uns 400 metros de distancia ata O Malecón onde, os familiares e amigos que teñan a ben acompañalos, esperarán coas toallas e a roupa preparada.

Cartel do 25 aniversario do Madrugón.

Cartel do 25 aniversario do Madrugón.

E tralo chapuzón, coma sempre o premio máis gratificante será un bo almorzo para todos, que un ano máis servirase na Croissantería Cafetín. Alí, farase entrega dos trofeos que este ano serán especiais por mor do aniversario: haberá premios para os primeiros en chegar á meta (nadadora e nadador), para o traxe de baño máis orixinal (feminino e masculino); para o conxunto con traxes de baño máis orixinais; á familia que máis membros presente; e ao club que presente máis deportistas.

Outra das citas deportivas do Cristo é o Descenso Intenacional do Sil que este ano chega á 51 edición e que se celebrará o sábado 16 de setembro con saída ás 18h. dende Sobradelo.

Descenso Internacional do Sil.

Descenso Internacional do Sil.

O terceiro piar sobre o que se asenta o apartado deportivo das festas de setembro no Barco de Valdeorras é a 31 Milla Urbana que se celebrará o domingo día 17 a partires das 18 horas no paseo do Malecón. Ese mesmo día á mesma hora, o equipo sénior do Centro de Deportes Barco disputará o partido de liga de terceira división ante o Ribadumia. Completa a oferta deportiva a proba de orientación tamén prevista para o domingo pola mañá, na beira do río.

Máis información na edición en papel do Especial Festas do Cristo do Periódico O Sil.

Descenso Internacional do Sil.

Carreira absoluta masculina na pasada edición da Milla.

Fotos: Carlos G. Hervella.