O secretario xeral do PPdeG percorreu, xunto a militantes, as rúas da vila barquense antes de visitar a cooperativa Xesús Nazareno

O conselleiro de Sanidade, o conselleiro de Educación, e agora o secretario xeral. O fatal accidente de tren en Porriño obrigaba ao candidato popular á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a suspender o mitin co que o Partido Popular abriría a campaña en Valdeorras o 9 de setembro, non obstante, un a un foron pasando polo Barco diferentes representantes do partido que opta á maioría absoluta.

Na mañá do 22 de setembro, a unha xornada para o remate da campaña, chegaba ata a sede do PP do Barco, Miguel Tellado. Dende alí, acompañado polo número 8 da lista por Ourense, o barquense Moisés Blanco Paradelo, así como por varios membros do grupo municipal, comezaban o percorrido por diferentes rúas e comercios da vila, desenvolvendo unha vez máis o modelo de campaña popular, “a imaxe e semellanza do que é o Partido Popular, un partido a pé de rúa, que pretende ser o representante da maioría social de Galicia levando a nosa proposta electoral a todos os galegos a través de encontros cos veciños fundamentalmente na rúa”, dixo o número dous do PPdeG.

O secratario xeral do PPdeG xunto a membros do grupo municipal do Barco.

O secratario xeral do PPdeG xunto a membros do grupo municipal do Barco.

O presidente da cooperativa saudando á comitiva electoral.

O presidente da cooperativa saudando á comitiva electoral do PP.

No Barco, Tellado asegurou que “estas son unhas eleccións moi importantes e o que toca é elixir entre seguir avanzando no mesmo camiño que levamos desenvolvido nos últimos sete anos, que nos ten permitido sacar a Galicia da situación de crise económica que nos atopamos no 2009, ou paralo todo que é a proposta dos partidos da esquerda”.

Con respecto ao resultado dos comicios que se celebran o domingo, o secretario xeral do Partido Popular de Galicia asegura que “a estas alturas ningún dubida de que Núñez Feijóo vai gañar as eleccións autonómicas. A dúbida é se imos conseguir 37 escanos, 38 ou máis”. E “a diferencia”, di “é que con 37 o PP iría á oposición e con 38 ninguén podería poñer en cuestión o goberno da maioría”, polo que a súa proposta é un goberno da maioría e para a maioría, e para iso o que fai falla é segundo os populares reforzar a maioría de Alberto Núñez Feijóo, concentrar en Feijóo o voto da moderación facendo un chamamento aos votantes de Ciudadanos e aos moderados do PSOE porque “o voto da moderación, da centralidade, da responsabilidade, quen o representa en Galicia é Feijóo”.

Un momento da visita ás instalacións da cooperativa Xesús Nazareno.

Un momento da visita ás instalacións da cooperativa Xesús Nazareno.

Miguel Tellado durante a visita ao interior da adega barquense.

Miguel Tellado e Moisés Blanco durante a visita ao interior da adega barquense.

Tralo paseo polo Barco, Miguel Tellado visitaba a cooperativa Xesús Nazareno e alí facía alusión á tempada de vendima en que a comarca está inmersa, remantando a súa intervención desexando “unha boa colleita, e que o domingo cando moitos estén facendo a vendima, que se encarguen non só da colleita deste ano, senón da dos próximos catro anos e saquen un oco para ir votar. A quen queiran pero que non queden na casa”.

Fotos: Carlos G. Hervella