Xesús Vázquez rexeita, tras a vitoria electoral do PP, “facer máis ferida” na oposición e pide o “esforzo de todos polos intereses da cidade”

O alcalde de Ourense, o popular Jesús Vázquez, fixo esta mañá unha primeira valoración dos resultados electorais rexistrados onte en Galicia nos que incidiu na alta participación nas urnas por parte dos veciños e destacou así mesmo o “resultado histórico” de nove deputados na provincia. Son uns datos que reflexan, segundo el, que Ourense “quere ter unha estabilidade”. Agora, mira adiante e asegura que o reto está en atraer investimento privado para contar co respaldo da Xunta na nova lexislatura.

Rexeitou neste momento “facer máis ferida” na oposición e insistiu en deixar de lado as siglas para pedir logo o “esforzo de todos polos intereses da cidade”. Mostrouse confiado en que, se hai “moitos e bos” proxectos, a Xunta “vai estar aí” e apuntou a que a cidade “faga tamén os seus deberes”. Así, entende que nestes catro anos vai ser importante sacar adiante os presupostos municipais ou o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), ferramentas que tamén impulsarán a atracción de investimento privado á cidade. “Necesitamos atraer investimentos privados que xeren emprego”, explicou. Cre que eses pasos son importantes para ver máis preto proxectos como a posta en marcha dun hotel-balneario na cidade.

Texto e foto: Sara Fontenla