1.300 persoas asisten ao xantar da XVII Festa do Botelo celebrada no pavillón de Calabagueiros no mediodía do 21 de xaneiro

Varios eran os frentes abertos na xornada do 21 de xaneiro no Barco de Valdeorras no marco da XVII edición da Festa do Botelo, cun completo programa de actividades que se abría xa de boa mañá coa inauguración da mostra de produtos gastronómicos tradicionais, con ata catorce postos diferentes na Praza Adrés de Prada.

Con todo, un dos momentos máis esperados do día era o pregón programado por segundo ano no Teatro Lauro Olmo. Era a primeira vez nos case vinte anos de historia da festa na que en lugar dun eran dous os pregoeiros, que ademais, tamén por primeira vez eran alleos ao Barco, polo que o acto espertara gran expectación, e non defraudou. O actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila eran os encargados de abrir boca para o prato forte, o xantar popular no pavillón e lograron un pregón diferente e divertido, contado e debuxado. “Tamén era algo novo para eles e resultou de marabilla. Cando contas con profesionais como é o caso, as cousas teñen que saír ben”, aseguraba unha satisfeita Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura. O acto incluía a mención de honra “merecidísima” en palabras da concelleira, a Lula Fidalgo, pulpeira e cociñeira do botelo durante quince anos. Tampouco faltou a tradicional actuación do Orfeón Valdeorrés.

 

Servindo o botelo nesta edición da festa.

Servindo o botelo nesta edición da festa.

O prato forte chegaba ás dúas e media da tarde, nun ateigado pavillón de Calabagueiros no que unhas 1.300 persoas (entre eles os membros da corporación municipal do Barco e alcaldes de Valdeorras) deron boa conta do menú. En total servíronse uns 755 quilos de botelo, 350 de verdura e 500 quilos de patacas. Todo elo regado cunhas 600 botellas de viño mencía da adega Roandi (Éntoma), ademais de bica,  torta de roxóns e café. A nota musical da fesa poñíana os diferentes grupos que actuaron durante o xantar e tamén pola tarde e noite por varios establecementos hostaleiros do Barco. Entre eles os valdeorreses Pándega, os triveses Macizas Centrais ou os quirogueses, Os Palletas.

E tralo xantar, durante a sobremesa, a TVG emitía en directo o seu “Aquí Galicia” dende a praza Andrés de Prada coa Banda de Música do Barco e Son do Sil entre os convidados.

Fotos: Carlos G. Hervella