Visitaba a sede do PP do Barco, reuníase coa directiva do IEV e participaba nun acto de presentación dun libro de poesía

 

Sobre o pavillón do CEIP Julio Gurriarán do Barco e sobre a oficialización do Camiño de Inverno a Santiago falaba na visita que realizaba a Valdeorras na tarde do 19 de setembro o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez. Nela visitaba a sede do PP do Barco e reuníase co número oito da lista popular por Ourense, o barquense Moisés Blanco.

O presidente do IEV, intervindo na presentación do poemario de Carlos Revuelta.

O presidente do IEV, intervindo na presentación do poemario de Carlos Revuelta.

Preguntado pola prensa sobre a situación do proxecto para construír un pavillón no CEIP Julio Gurriarán do Barco, Román Rodríguez, sinalaba que a consellería está en negociacións co Concello do Barco. “Plantexamos unha intervención para facer unha instalación deportiva cuberta que poda servir tanto para uso escolar, como para fóra do horario escolar para actividades veciñais. Hai que ter en conta que a Consellería de Educación non fai pavillóns deportivos municipais, pero si pode aportar e axudar para facer instalacións e equipamentos que, dando servizo ao ámbito escolar, tamén dean servizo ao ámbito dos veciños. Nós temos un borrador de convenio, duns 200.000 euros, que se lle remitiu ao Concello para o seu estudo e había certas reticencias xa que por parte do Concello se plantexaba un proxecto moito máis ambicioso e, obviamente, nós o que si temos é o compromiso de facer unha instalación deportiva cuberta a nivel escolar. Se despois conxuntamente co Concello é posible plantexar un equipamento e sumar esforzos para facer unha instalación que poida servir tamén para uso veciñal, pois mellor que mellor, nesa estamos”.

Intervención do conselleiro de Cultura na presentación do novo libro de Carlos Revuelta, na Casa Grande de Viloira.

Intervención do conselleiro de Cultura na presentación do novo libro de Carlos Revuelta, na Casa Grande de Viloira.

Asemade o conselleiro de Cultura referíase á importancia do recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta xacobea. “Dende o 16 de agosto ese camiño pasa a ser unha ruta de peregrinación oficial con todo o que iso supón. Isto é un punto e seguido. Atrás queda moito traballo feito por parte de diferentes asociacións e concellos que, dalgún xeito pelexaron para darlle matiz oficial a este camiño, a partir de agora queda outra historia, outro relato no que é necesario comezar a traballar para acondicionar, equipar, facer infraestruturas, promocionar, é dicir, para pór en valor este camiño de cara ao futuro. Isto tamén necesita uns tempos e uns prazos, pero do que non cabe dúbida é de que a Xunta de Galicia vai apostar e está apostando por pór en valor este camiño que vai dar moita vida ás zonas por onde pasa”.

O conselleiro de Cultura coa presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras.

O conselleiro de Cultura coa presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras.

 

Ademais o conselleiro de Cultura reuníase coa directiva do Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) na Casa Grande de Viloira . Alí tamén saudaba á presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e participaba na presentación do novo poemario de Carlos Revuelta, “Tercera persona/ Mujeres infinitas”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.