O deseñador e creativo na TVG verinés, Jorge Godás, membro do equipo do FIC, fai un “guiño”
a Buñuel no cartaz oficial do FIC-Vía XIV

O seu primeiro apelido está vencellado ao mundo da imaxe dende hai catro xeracións. O seu meu bisavó do Carballiño xa empezou co negocio nas orixes da fotografía e foi o seu avó quen fundou Foto Godás, establecemento fotográfico que permanece aberto no centro de Verín co seu irmán ao fronte. “Aprendín o oficio en casa,  todo tipo de técnicas de revelado, de retoque a lápis,… O deseño é algo que sempre se me deu ben, xa de pequeno, e seguín pola miña conta, aínda que agora adícome máis á imaxe en movemento porque traballo na televisión”. Jorge Máximo Godás Limia, leva toda a vida vinculado ao mundo do audiovisual e dende hai algo máis dun ano está metido de cheo nun novo proxecto co que pretenden seguir dinamizando culturalmente o seu pobo, o Festival Internacional de Curtas de Verín-Vía XIV que abrirá as portas o vindeiro 5 de decembro. Ademais de ser un dos alma máter, formando parte do equipo organizativo do festival, Jorge é o creador do cartaz e da imaxe corportativa do evento co que fai  un guiño á curtametraxe “El perro andaluz” de Luis Buñuel, e que presentaban oficialmente na mañá do 14 de novembro na Casa da Cultura de Verín.

Cartaz oficial do Festival Internacional de Curtas de Verín, deseñado por Jorge Godás.

Cartaz oficial do Festival Internacional de Curtas de Verín, deseñado por Jorge Godás.

¿Como foi o proceso de elaboración do cartaz oficial?
Xa dende o principio tiña claro que quería plasmar a imaxe do ollo coa cuchilla de Buñuel que está no imaxinario de todo o mundo, ou a de Harold Lloyd pendurado do reloxo en “El hombre mosca” e xoguei con iso, facendo varios modelos así como a propia imaxe corporativa que estamos aplicando sobre fondo negro, aínda que me pareceu que para o cartaz era máis agradable xogar con este tipo de texturas de fondo, parecido a certo papel pintado que está moi de moda. Despois de darlle moitas voltas e facer cinco bocetos distintos, este foi o elixido. Tamén polas cores, penso que son bastante agradables á vista. Ademais está pensado para que se vexa dende lonxe e que quede na retina da xente.

¿Que supón para vostede este proxecto audiovisual tan ambicioso?
Ambicioso pero que hai que empezar dende abaixo de todo. O que pasa é que tivemos boa acollida e hai premios interesantes e para min supón un paso máis adiante neste pobo que parece que está descoxelándose. É a iniciativa que faltaba. Xa se falaba hai tempo de facer isto e agora estamos nun momento importantísimo no que a imaxe ten moito valor e poden facerse cousas boas. Non só se pode dar lixo a través das imaxes senón moita educación e entretenemento. Supón moitísimo. Nós somos distintos dos do norte, ao ser fronteirizos temos outra forma de pensar e isto é algo que faltaba no sur, esperemos que teña continuidade. A idea é esa. Arrancaremos como máis brillantemente poidamos, que se noten o menos posible os erros e con moitísima ilusión.

O creativo verinés Jorge Godás, explicando as características do cartaz trala presentación na Casa da Cultura de Verín. /Foto: Carlos G. Hervella.

O creativo verinés Jorge Godás, explicando as características do cartaz trala presentación na Casa da Cultura de Verín. /Foto: Carlos G. Hervella.

Son un equipo pequeno (seis persoas) e isto require moito traballo. ¿Canto tempo levan co festival?
Somos poucos e todos temos os nosos traballos. A idea comezou a barallarse xa hai anos pero en firme fará un ano e pouco que Carlos Montero e eu comezamos a darlle voltas e conforme se aprovou a primeiros de ano, xa fomos facendo cousiñas que non se ven pero están aí porque había que ir avanzando e todos os días fas algo. É un traballo tedioso e arduo, e iso que contamos con voluntarios que nos axudan pero aínda así, son máis de seiscentas curtas e iso é moito, sobre todo para visionalas e analizalas. Temos cento e pico cada un e resulta laborioso porque ademais temos que ir anotando todo de cada curta para que despois nós non teñamos nada que ver co xuízo. Para iso virá un xurado alleo, de diferentes ámbitos do cinema que é interesante e supoño que a forma máis xusta de valorar todo isto.