O programa, que abrirá Manuel Mandianes o 8 de novembro na Casa da Cultura, incluirá catro ponencias

Emigración, Fronteiras e Entroido. É o trío temático en torno ao que xirará o Festival Internacional de Curtametraxes de Verín-Vía XIV, do 5 ao 11 de decembro. Días antes, a organización do certame propón un primeiro achegamento a estas materias, engarzadas co fío condutor da Via XIV romana, cun ciclo de conferencias culturais e audiovisuais que comezarán en novembro. Son temas que “consideramos fundamentais no acervo cultural da comarca de Monterrei, xunto coa propia Via XIV e súa importancia como elemento vertebrador do territorio e como factor clave para comprender a dualidade Chaves-Verín, existente ata hoxe dende os tempos da romanización”, sinalaba a concelleira de Cultura de Verín e coordinadora xeral do festival, Emilia Somoza, na presentación destas xornadas didácticas o 28 de outubro na Casa da Cultura do municipio.

Entroido en Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entroido en Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

Neste acto tamén participaban Carlos Montero Zorrilla, responsable do departamento municipal de Comunicación e director do festival, e Bruno Rúa, coordinador da área de conferencias do mesmo. Este último desgranaba os contidos do ciclo de ponencias. Comezarán o día 8 de novembro da man do investigador Manuel Mandianes e serán no salón de actos da Casa da Cultura ás 20:15h. Este antropólogo, natural de Loureses (Os Blancos), disertará sobre o sinal antropolóxico que a “Raia” deixou nos habitantes dun e doutro lado da fronteira, con referencias a cuestións como o contrabando e a transferencia da cultura popular.

A segunda ponencia, “A romanización do val do Támega ao redor da Via XIV: urbanización”, correrá a cargo do catedrático Antonio Rodríguez Colmenero, quen falará sobre a pegada do Imperio romano nesta zona ourensá. “Coñeceremos a importancia desta vía como elemento vertebrador e como a romanización foi o comezo dunha territorialidade que chega ata os nosos días”, comentaba Rúa.

Ademais o 23 de novembro o mestre e veciño de Verín Xerardo Dasairas analizará na charla “A emigración no país do Támega” as vicisitudes deste fenómeno, así como as súas causas e consecuencias. O ciclo completarase o 30 de novembro coa conferencia “O Entroido como base cultural dunha terra”, do antropólogo Miguel Losada, quen amosará a importancia desta celebración na sociedade e analizará o seu significado botando man de diverso material audiovisual.

Texto: A.R.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.