O director e parte do equipo  técnico da curta estarán esta noite na gala de inauguración, ás 21:30 horas no Auditorio

 

Despois de conseguir consolidar propostas de teatro e cinema na vila, a área de Cultura do Concello de Verín aposta agora por unha iniciativa audiovisual, VÍA XIV, o primeiro Festival Internacional de Curtametraxes que se celebrará do 5 ao 11 de decembro, no Auditorio Municipal e na Casa da Cultura con tres seccións a concurso: Fronteira, Emigración e Entroido.

Hoxe  luns 5 de decembro ás 21:30h. terá lugar no Auditorio a inauguración oficial presentada polo actor verinés Toño Salgado. O acto contará coa presentación (por parte do propio director e outros membros do equipo) e a posterior proxección da curtametraxe “El Pozo”, dirixido polo verinés Hector Domínguez-Viguera Queija.

O martes 6 de decembro comezarán as proxeccións que se estenderán ata o venres día 9. Para esta edición, o FICV seleccionou 39 curtametraxes nas tres seccións oficiais, de ficción, animación e documental procedentes de España, Colombia, México, Brasil e Luxemburgo. Cada sección oficial está formada por dous bloques de curtas que se repetirán en tres ocasións ao longo da semana, entre as 20:30 e as 22:15h. A gala de clausura terá lugar o sábado 10 de decembro ás 22h. Será un acto presentado polos actores Alberto Rolán (Terra de Miranda, Matalobos) e Machi Salgado, no que se darán a coñecer os gañadores dos premios do Festival (Mellor Curtametraxe de cada unha das tres categorías, Mellor Guión, Mellor Actor, Mellor Actriz, Mellor Director e Premio do público á Mellor Curtametraxe). Tamén haberá actuacións de luxo como a de Maren Ladson.

Paralelamente, organizaranse actividades complementarias ás seccións competitivas como cursos de documentais o venres e o sábado, actividades didácticas audiovisuais para os máis pequenos, tertulias, un video mostra fotográfica sobre “migracións”, e tres foros de debate. Con formato audiovisual, o martes, mércores e xoves ás 18h. os foros profundizarán nos tres temas principais das seccións, moderados por tres comunicadores que, de maneira didáctica e próxima, achegarán ao público asistente ás temáticas. Contarán asemade cunha serie de participantes, todos eles, con nutridas experiencias que achegar aos espectadores. O día 6, o xornalista Rafael Cid moderará o foro sobre a Emigración; o día 7, o director de Arraianos Aser Álvarez moderará o da Fronteira, contando entre outros, coa presenza de Xosé Luís Méndez Ferrín; e o día 8, a xornalista Nora Sola moderará o foro do Entroido que contará, entre outros, coa presenza do etnógrafo José Rodríguez Cruz.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.