O pregoeiro lembrou ao seu compañeiro e amigo José Luis Puente Murias, o profesor de karate recentemente falecido

“Vai por ti amigo”. Con esta mensaxe en memoria de José Luis Puente Murias (o karateka recentemente falecido) outro deportista, José Luis Gómez “Victoria” comezaba o pregón co que se inauguraban as Festas do Cristo 2017 no Barco de Valdeorras.

Diante do público que encheu a praza Maior, un espazo “emblemático do que gardamos tantos e tan gratos recordos, entre o maxestuoso río Sil e a igrexa de San Mauro”, José Luis, profesor deportivo e adestrador,  asegurou sentirse “desconcertado e tamén loado” cando recibíu a nova por parte do alcalde do Barco de que ía ser o pregoeiro das festas. “É un gran orgullo e teño o listón moi alto”, dixo, en referencia aos seus antecesores no cargo.

Sendo unha persoa “próxima e afable que leva toda a vida dinamizando o deporte escolar cunha entrega xenerosa”, en palabras da presentadora do acto, Kissy Torres, Victoria quixo facer partícipe ao público, que o pobo fose o protagonista dun pregón que estruturou botando man do refraneiro popular.

José Luis Gómez Álvarez, durante o pregón.

José Luis Gómez Álvarez, durante o pregón.

Comezou cun “é de ben nacido ser agradecido”, para dar as grazas. Aos seus pais, á súa muller Almudena “a gran sufridora”, aos seus fillos “por ter fe e dar continuidade á miña proposta”, aos amigos, aos coñecidos,…

Para falar do tema principal do discurso, polo que foi elixido como pregoeiro, o deporte, botou man do popular dito “fai o ben e non mires a quen”, lembrando dun xeito especial a Carín “gran defensor do noso pobo e de todo o que acontecera ao seu redor”, asegurando que nunca atopou un barco con maior eslora que este “polo que podo asegurar que somos os máis grandes”, nomeando as diferentes disciplinas deportivas que no Barco se poden practicar aínda que se centrou en catro: o piragüimo; o fútbol, o deporte rei, do que lembrou a xente como Carrodes ou Jones; o atletismo, loando o labor do seu amigo e compañeiro Agustín González; e o baloncesto, co que máis se lle identifica a el mesmo, lembrando, entre outros, a Moncho Caneiro “gran axuda na miña formación como adestrador”. Desa etapa, José Luis fixo un repaso por algúns dos xogadores e xogadoras de referencia que pasaron polo Barco, asegurando que o seu obxectivo segue sendo o mesmo: “formar novos talentos, primeiro para a vida, que é o máis importante e, deportivamente, chegar o máis lonxe posible”.

"Victoria" coa concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e o alcalde do Barco Alfredo García.

“Victoria” coa concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e o alcalde do Barco Alfredo García.

Fóra de guión, o pregoeiro non se esqueceu do barrio da Estación no que naceu “na tarde dun 27 de xullo”, contando pequenas historias ás que a xente asentía dende o público.

Para o final quixo Victoria deixar o refrán “a unión fai a forza”, facendo unha reflexión sobre as festas, datas de “amizade, alegría, diversión e convivencia”. Durante estos días “o pobo ilumínase e renace, disfrutemos desa alegría e felicidade, saudémonos uns a outros coma se fose a primeira vez ou como grandes amigos”, dixo, antes de citar o lema do Barco “do mar o mero e do Barco o botelo”, para desexar aos presentes “que pasedes as festas máis felices da vosa vida”.

O alcalde do Barco, a concelleira de Cultura e a familia de José Luis, atentos ao discurso.

O alcalde do Barco, a concelleira de Cultura e a familia de José Luis, atentos ao discurso.

O pregoeiro con algúns dos alumnos que pasaron polas súas clases de baloncesto.

O pregoeiro con algúns dos alumnos que pasaron polas súas clases de baloncesto.

Tralo discurso, moitos dos alumnos (de antes e de agora) presentes no acto, posaron co seu profesor e adestrador ao que mantearon, antes de que el mesmo prendese a mecha do foguete co que se inauguraron oficialmente as Festas do Cristo 2017 que se celebrarán ata o domingo día 17.

Fotos: Carlos G. Hervella